Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Consello Constitucional francés valida o atraso da xubilación ata os 64 anos

O Consello Constitucional francés valida o atraso da xubilación ata os 64 anos

O organismo rexeitou a solicitude de que a reforma das pensións sexa sometida a un referendo

A oposición anuncia que seguirán as protestas e chamou a Macron a retirar a reforma

G24.gal 14/04/2023 19:06 Última actualización 14/04/2023 21:23

O Consello Constitucional francés validou este venres o atraso da idade mínima de xubilación de 62 a 64 anos, a principal medida da reforma das pensións aprobada polo Goberno.

Ademais, o organismo rexeitou a solicitude de que a reforma das pensións sexa sometida a un referendo, segundo anunciou nun comunicado.

En cambio, o Consello Constitucional invalidou seis artigos da lei, especialmente dous relativos ao fomento da contratación de traballadores maiores de 55 anos nas grandes empresas.

A decisión supón un "precedente perigoso", porque o Goberno podería seguir utilizando a figura legal dun orzamento rectificativo para "facer aprobar reformas importantes", afirmou a presidenta do grupo parlamentario da Francia Insubmisa, Mathilde Panot.

Nunha comparecencia cos demais líderes dos partidos que integran a coalición esquerdista Nupes (socialista, ecoloxista, comunista), Panot advertiu que continuarán as protestas contra a reforma e lanzou un novo chamamento ao presidente Emmanuel Macron para que retire a reforma.

"Non será o Consello Constitucional o que faga cambiar de opinión o pobo francés", reiterou.

A primeira ministra, Élisabeth Borne, sinalou que, na súa decisión, o Consello Constitucional considera que "tanto no fondo como no procedemento", a reforma está de acordo coa Constitución.

"O texto chega ao final do seu proceso democrático. Esta noite non hai nin vencedores nin vencidos", engadiu Borne en Twitter.

A decisión do Consello Constitucional chegou tras unha tensa xornada de espera, cunhas 230 marchas de protesta convocadas polos sindicatos en todo o país, entre elas unha concentración na praza do Concello de París.

A propia sede do Consello Constitucional estaba blindada desde onte, con barreiras e policías antidistubios, e a prohibición de organizar concentracións nas súas inmediacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade