O Conservas Orbe Zendal Porriño salva un empate co Rocasa Gran Canaria nun final espectacular
O Conservas Orbe Zendal Porriño salva un empate co Rocasa Gran Canaria nun final espectacular
As galegas foron quen de levantar unha desvantaxe de 5 goles nos últimos cinco minutos
Suman 20 puntos e mantéñense no cuarto posto da táboa
O Porriño estivo contra as cordas no seu partido da décimo quinta xornada ligueira, pero foi quen de reaccionar varias veces, e acabou salvando un empate.
A primeira metade foi igualada, con alternativas no marcador ata un parcial de 1-6 que lles daba unha renda de 5-10 ás visitantes. Pero as porriñesas non desesperaron, e responderon con outro parcial de 5-1 que volveu igualar o choque. Pouco antes do descanso, Almudena Rodríguez redondeaba unha primeira metade espectacular co seu sexto tanto, que deixaba o marcador en 12-14. Pola parte local, a notación caía nos ombreiros de Maider Barros e Maddi Bengoetxea, que marcaron cadanseus 3 goles.
Na segunda parte mantívose o intercambio de goles, pero a renda visitante ía medrando, ata chegar ao 17-22. Volveu reaccionar o Porriño, e colocou o 20-22, pero o Rocasa Gran Canaria mantivo en todo momento o acerto, chegando ao momento decisivo do partido cun 23-28 a falta de 5 minutos que deixaba as cousas moi difíciles para as locais. E, unha vez máis, volveu aparecer o Balonmán Porriño. A reacción final levou o partido ao empate a 29 despois de tres goles de Carolina Bono (rematou con 6), dous de Zhukova e un de Malena Valles para salvar un punto. Un traballado empate co que suman 20 puntos na cuarta praza da Liga.