Un mal 3º cuarto condena ao Leyma Coruña contra Gran Canaria (90-98)
Un mal 3º cuarto condena ao Leyma Coruña contra Gran Canaria (90-98)
Os coruñeses chegaron ao descanso 39-42, con todas as opcións
Un parcial de 0-8 á volta dos vestiarios deixou unha renda imposible de remontar
O Leyma Coruña non atopa solucións para saír da crise, e apañou no Coliseum unha nova derrota, a oitava consecutiva, diante do Gran Canaria. A igualdade mantívose no marcador durante boa parte do primeiro cuarto, con alternativas e a participación de Heurtel, dúbida ata última hora, que achegou 4 puntos no treito final, ata asinar o 20-24.
Tras o 25-26 no inicio do segundo período, os canarios asinaron un 0-8 que os deixaba ao bordo dos dez puntos de diferenza, pero Thompkins cortouno cunha gran tripla. O Gran Canaria intentaba xogar cos nervios dos locais, e o encontro entrou nunha fase con pouco acerto dos dous equipos, cos visitantes mantendo esa renda. Pero, no treito final, unha lenta reacción dos coruñeses, que defenderon con máis intensidade, permitiulles achegarse no marcador ata o 39-40. Boa parde de culpa tívoa Brandon Taylor, que recuperou tres balóns neste treito. Ao descanso, o partido chegaba 39-42, con todo por decidir.
Tras a pausa, o Gran Canaria axustou en ataque, o que lle serviu para asinar un parcial de 0-8 co que conseguiu superar os 10 puntos de renda (43-56, min. 24). Unha vantaxe psicolóxica que soltou aos visitantes, e dificultou aínda máis a tarefa dos locais. Este terceiro cuarto remataba cun 62 a 76 que lle deixaba as cousas moi complicadas ao Leyma Coruña.
O último parcial xa non tivo moita historia, co Gran Canaria administrando a súa renda, e co Leyma intentando achegarse no marcador, sen éxito. Ao final, 90-98, cun parcial de 28-22 que si lles permitiu aos coruñeses baixar dos dez puntos, pero non evitar a oitava derrota consecutiva, que os mantén na última praza da ACB. Barrueta foi o máximo anotador dos locais, con 17 puntos. Por parte do Gran Canaria, destacaron Homesley, con 25 puntos, e Brussino con 20.