Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Constitucional rebaixa a condena por prevaricación a Magdalena Álvarez polos ERE de Andalucía

O Constitucional rebaixa a condena por prevaricación a Magdalena Álvarez polos ERE de Andalucía

O TC ordena á Audiencia de Sevilla que redacte unha nova sentenza que rebaixe substancialmente a pena de nove anos de inhabilitación á que foi condenada 

A decisión abre a porta a anular os castigos de inhabilitación de todos os condenados por prevaricación seguindo o criterio da Fiscalía

Hai dous días o Constitucional rexeitou o recurso doutro dos condenados que tamén sumaba unha condena por malversación como o expresidente andaluz José Antonio Griñán

Magdalena Álvarez nos xulgados de Sevilla (Europa Press/María José López) Magdalena Álvarez nos xulgados de Sevilla (Europa Press/María José López)
G24.gal 19/06/2024 11:36 Última actualización 19/06/2024 13:00

O Pleno do Tribunal Constitucional acordou este mércores por maioría amparar parcialmente á exministra e exconselleira Magdalena Álvarez, e ordena á Audiencia de Sevilla que redacte unha nova sentenza que rebaixe considerablemente a condena de nove anos de inhabilitación por prevaricación polos ERE de Andalucía.

Fontes xurídicas informan a EFE de que a corte de garantías estimou parcialmente o recurso de amparo da exministra cos 7 votos a favor da maioría progresista fronte aos catro votos en contra da minoría conservadora.

A sentenza da que é relatora a vicepresidenta do tribunal, Inmaculada Montalbán, obriga a Audiencia de Sevilla a redactar unha nova sentenza que rebaixe substancialmente a pena en relación ao delito de prevaricación, que é o que afecta á exministra, de maneira que exclúa os feitos que non poden ser cualificados de resolución administrativa inxusta, explican as fontes.

Entende o tribunal que a condena polos feitos de 2000 e 2001 adoptouse con infracción da normativa orzamentaria entón vixente, non así xa a de 2002 ao amparo do novo sistema orzamentario aprobado polo Parlamento andaluz.

A sentenza estima que a elaboración dos anteproxectos de lei e a súa aprobación como proxectos de lei non pode ser constitutiva do delito de prevaricación, xa que este tipo de actuacións, nin son resolucións nin recaeron nun asunto administrativo, ao tratarse de actos ditados polo goberno no exercicio das súas funcións.

Ademais, ao tratarse de meras propostas que non teñen máis alcance que, no seu caso, ser obxecto de deliberación no Parlamento, non poden ser sometidas a control xudicial, por tanto non se pode dotar de transcendencia penal a estes actos.

A sentenza afirma que "o proxecto cuxo contido contravén a normativa existente mentres que é proxecto non pode someterse a un xuízo de legalidade -nese momento é un acto inexistente para o Dereito- e, unha vez que se aprobou, ao converterse en lei, o único xuízo que cabe é o de constitucionalidade".

E deixa claro que os órganos xudiciais non poden interferir nas relacións institucionais entre o Parlamento e o Poder Executivo so pena de infrinxir o principio de separación de poderes.

O ditame será clave para resolver os outros dez recursos pendentes de condenados por este caso, entre eles, o do expresidente da Junta de Andalucía José Antonio Griñán.

Os maxistrados seguen así o criterio da Fiscalía do Constitucional, partidaria de estimar os recursos dos condenados só por prevaricación, non asín os de malversación

O luns o Pleno do TC rexeitara por unanimidade o recurso do extitular de Emprego e Desenvolvemento Tecnolóxico, José Antonio Viera, que fora condenado a sete anos de prisión por malversación e prevaricación, no que foi o primeiro analizado pola corte de garantías, dos doce que hai presentados contra a sentenza do caso dos ERE.

En total hai oito condenados por prevaricación, entre os que estaba Magdalena Álvarez, e catro máis que suman o delito de malversación, entre os que ademais do propia José Antonio Viera está o expresidente andaluz José Antonio Griñán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade