Publicador de contidos
Publicador de contidos

Despréndese un glaciar nos Alpes italianos e deixa 6 mortos e 20 desaparecidos

Despréndese un glaciar nos Alpes italianos e deixa 6 mortos e 20 desaparecidos

Outras oito quedaron feridas e elévase a polo menos 20 o número de sendeiristas desaparecidos

G24.gal 03/07/2022 19:27 Última actualización 04/07/2022 08:42

Polo menos, seis persoas morreron e oito quedaron feridas, dúas de gravidade, tras o desprendemento dunha parte do glacial da Marmolada, nos Dolomitas (Alpes italianos), rexistrado este domingo. Ademais, vinte persoas desapareceron.

Na xornada de hoxe continuará a procura dos desaparecidos. Durante a noite utilizáronse drons equipados con cámaras térmicas capaces de identificar a fonte de calor emitida por unha persoa mesmo na escuridade.

As condicións climáticas serán determinantes para avaliar a intervención directa dos rescatadores, pois o frío e as baixas temperaturas son fundamentais para garantir un mínimo de seguridade nas operacións, dado que poderían producirse máis desprendementos.

Os socorristas descartan que poida haber sobreviventes debido á violencia da avalancha de xeo, neve e rocas que descendeu a máis de 200 quilómetros por hora tras o derrubamento dun serac, como se denomina estas fracturas nos glaciares, entre Punta Rocca e Punta Penia.

Precisamente este sábado na Marmolada alcanzouse o récord de temperatura, cuns 10 graos na cima, explicou o presidente da rexión do Véneto, onde se atopa a parte do grupo montañoso.

Segundo os testemuños, o anaco de glacial partiu en dous puntos e xerou un desprendemento de case trescentos metros de ancho que arrasou todo o que había ao seu paso.

“Escoitamos un ruído forte, logo vimos unha especie de avalancha composta de neve e xeo descendendo a gran velocidade e aí deime conta de que algo grave pasara. Con binoculares pódese ver a rotura desde aquí", explicou ao medios un dos xestores do refuxio Castiglioni Marmolada, que presenciou o accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade