Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia rexistra a cifra máis alta de contaxios en catro meses

Galicia rexistra a cifra máis alta de contaxios en catro meses

Galicia supera os 10.000 casos en vésperas da reunion do subcomité clínico

Rueda pide aos hostaleiros que sexan estritos co certificado COVID

Antón Montero 09/12/2021 21:21

Desde o 6 de agosto Galicia non rexistraba máis de mil contaxios nun só día.  Nas últimas 24 horas, volveuse superar esa cifra. Outra barreira que queda atrás é a dos dez mil infectados na comunidade autónoma.

O incremento de casos segue sen ter un impacto significativo nos hospitais: hai cinco ingresados máis ca onte. Nas últimas horas morreron tres mulleres que sufrían patoloxías previas.

A falta de coñecer o impacto da ponte festiva, os asesores da Xunta reúnense mañá para decidir se son precisas novas restricións. En principio, non se prevén grandes novidades.

De momento as autoridades son partidarias de fíalo todo á vacinación dos cativos, que comeza a semana vindeira.

Pilar Farjas, membro do subcomité clínico, explicou: "Nin no ámbito nacional nin nas comunidades autónomas que duplican e triplican a incidencia de Galicia se está propoñendo actuar nos dereitos fundamentais cando existen outras ferramentas como é seguir insistindo na vacinación ou a utilización do certificado COVID".

E todo porque as estatísticas son incontestables: onde máis contaxios hai é entre os nenos aínda non vacinados, seguidos pola franxa de idade dos seus pais.

O vicepresidente da Xunta apuntaba a que as recomendacións poderían ir por instar os hostaleiros a seren más estritos na solicitude do certificado COVID. 

Alfonso Rueda explicou: "O que está claro é que as medidas que hai agora hai que cumprilas estritamente. E a aqueles lugares que non o estean facendo, facerlles unha chamada de atención".

O Hospital Provincial de Pontevedra é o escenario do último gromo de covid–19 en Galicia: hai sete positivos, cinco médicos e dous ingresados en Medicina Interna. Sospéitase que o portador foi unha visita. A pesar do incremento de contaxios, a situación nos hospitais segue sendo estable.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, di: "Esa situación asistencial está polo momento contida, a pesar de que na Atención Primaria están nunha situación de enorme sobrecarga".

De feito, nos ambulatorios están tratando o 95 % dos contaxios. Os médicos falan de esgotamento e elevan a voz para pedir á poboación que tamén este ano se conteña coas festas.

José Luis Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense: "Non é tempo de reunións, ceas e comidas masivas de compañeiros de traballo; non é tempo de convocar toda a familia de todos os lugares do Estado".

Ourense encara os días previos ao Nadal como a cuarta provincia con maior incidencia de España. Vigo, que vive os peores días da sexta vaga, ten 19 dos 26 concellos da área sanitaria en risco alto ou moi alto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade