Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Día da Ciencia na Rúa recunca no parque coruñés de Santa Margarida

O Día da Ciencia na Rúa recunca no parque coruñés de Santa Margarida

Unha trintena de centros escolares presentan os seus proxectos científicos

G24.gal 07/05/2022 14:51 Última actualización 07/05/2022 15:03

O Día da Ciencia na Rúa reúne desde hai 25 anos ducias de centros educativos e milleiros de persoas no parque de Santa Margarida. O ano pasado trasladouse de xeito excepcional ao Teatro Colón nunha xornada que conservou a esencia da celebración adaptándoa ás circunstancias sanitarias. 

Nesta edición, 35 centros da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño traen con moita ilusión as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia.

Na cita están tamén presentes entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Universidade da Coruña participa coa Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e a Cátedra EMALCSA-UDC.

Tampouco faltan outras institucións asentadas na cidade, como o Centro Oceanográfico da Coruña, e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-Grupo CellCOM e Grupo de Microbioloxía. Sumáronse ademais nesta edición a Facultade de Física USC e a Facultade de Ciencias USAL.

Outras entidades, como a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva ofrecen as súas actividades para o público que visite o parque de Santa Margarida.

Ademais, os Museos Científicos Coruñeses súmanse a este día con xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae.

Homenaxe a Javier Novelle

Nesta edición, quixeron renderlle unha homenaxe a Javier Novelle, quen desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias impulsou durante 24 anos con grande éxito esta celebración, cuxa traxectoria se viu interrompida polo seu falecemento.

Os premios que levan o seu nome serán un recoñecemento aos centros escolares que participan no Día da Ciencia na Rúa, no que se destacará, coa entrega dun diploma, o aspecto máis relevante das súas presentacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade