Publicador de contidos

Publicador de contidos

O elevado custo do absentismo laboral, por Maite Cancelo

OPINIÓN

O elevado custo do absentismo laboral, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 21/02/2025 08:07

Dentro da mesa do diálogo social, a Consellería de Emprego da Xunta de Galicia constituíu un grupo de traballo con profesores das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo para analizar a elevada taxa de absentismo en Galicia. De feito, xa hai un informe de profesores destas universidades que cuantifican en 852 millóns de euros o impacto do absentismo para a Seguridade Social e en 782 millóns para as empresas. A media de baixas en Galicia foi de 74,7 días de media fronte aos 42,6 de España, co que a taxa de absentismo se sitúa no 7,6 % fronte ao pouco máis do 4 % de Madrid e Andalucía.

E, sendo certo que moitas das causas de absentismo son perfectamente legais (enfermidade, vacacións ou permisos de paternidade, entre outros), os resultados dun plan especial de inspección das incapacidades temporais realizado pola Consellería de Sanidade indican que, desde xuño de 2024, dos 20.000 casos revisados, en dous de cada tres (13.600) a baixa non estaba xustificada.

Informes como os da mutua Fremap ou de Randstad (empresa especializada en recursos humanos), tamén analizan os datos do INE, sinalando o forte aumento das incapacidades temporais. O informe de Randstad, ademais, sinala que, incluíndo as baixas médicas, o 6,2 % da poboación activa falta cada día ao seu posto de traballo, sendo o País Vasco, Canarias e Cantabria, seguida por Galicia, as comunidades autónomas onde o problema é maior (dependendo do ano). Ademais, o 22 % dos empregados que se ausenta do traballo non conta cunha baixa médica.

O estudo, ademais, revela que é un fenómeno cíclico que evoluciona de forma inversa ás crises económicas, e de feito, durante a pandemia, debido ás baixas médicas, o absentismo creceu moito pero, coa recuperación económica, seguiu aumentando.

Os sectores que máis sofren de absentismo son: sanidade, correos, xardinería, as actividades relacionadas coa Administración Pública, seguridade e defensa, pero, tamén aqueles vinculados a salarios máis baixos como hostalería ou comercio. En calquera caso, dependendo do estudo e o espazo temporal analizado, a industria aparece en moitas ocasións coa taxa de absentismo xeral máis elevada.

Consecuencias

Ademais dos custos xa mencionados para a administración pública e as empresas, o absentismo (xustificado ou non) afecta directamente á produtividade e á eficiencia das empresas, xa que se ten que facer unha redistribución das tarefas, o que, ademais, pode supoñer unha sobrecarga de traballo sobre os empregados en activo.

Que podemos facer?

Hai propostas, como a da CEG, que piden unha redución media das baixas, pola recuperación de saúde das persoas e para mellorar a produtividade e competitividade das empresas.

A iniciativa da Xunta vai na boa dirección: analizar con maior detalle cales son as causas do absentismo para buscar unha resposta ao problema que, algúns estudos apuntan, pode estar relacionado, en parte, co envellecemento da poboación e a precariedade laboral.

As causas que se atopan detrás do absentismo teñen que ser a base das respostas e estas van desde problemas de saúde física ou mental, asuntos familiares, a falta de motivación laboral ou conflitos na contorna de traballo. Atendendo a estas últimas causas, xa hai experiencias de empresas que buscan solucións baseadas na mellora da motivación laboral, o establecemento de horarios máis flexibles, o teletraballo ou un sistema de bonificacións salariais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade