Publicador de contidos
Publicador de contidos

O facho olímpico pasa polo Bataclan, os Campos Elíseos, o Louvre e Notre Dame

O facho olímpico pasa polo Bataclan, os Campos Elíseos, o Louvre e Notre Dame

A icónica chama cumpriu este domingo a súa primeira etapa na capital francesa

Chegou a París doce días antes dos xogos e coincidindo coa festa nacional do 14 de xullo

O coronel Thibaut Vallette co facho olímpico. REUTERS/Kevin Coombs O coronel Thibaut Vallette co facho olímpico. REUTERS/Kevin Coombs
G24.gal 14/07/2024 21:54 Última actualización 14/07/2024 22:55

O facho olímpico cumpriu este domingo a súa primeira etapa parisiense cun percorrido por varios dos puntos máis simbólicos da capital francesa: a sala Bataclan, os Campos Elíseos, o museo do Louvre e a catedral de Notre Dame, entre outros.

A icónica chama, que desembarcou en Marsella o 8 de maio e xa viaxou por boa parte de Francia, chegou a París a só 12 días do inicio dos Xogos Olímpicos e coincidindo ademais coa festa nacional de Francia do 14 de xullo.

Nunha cerimonia encabezada polo presidente francés Emmanuel Macron, o coronel Thibaut Vallette, medalla de ouro por equipos en equitación nos Xogos de Río de Xaneiro de 2016, percorreu a Avenida Foch montado a cabalo e portando o facho.

Despois, cedeulla a un grupo de mozos de Seine-Saint-Denis, empobrecido departamento veciño de París onde se celebra o groso das probas dos xogos.

O exfutbolista e actual seleccionador olímpico Thierry Henry foi o primeiro en portar o facho dun traxecto iniciado nos Campos Elíseos.

Nesta primeira etapa parisiense —a segunda celébrase o luns—, visitou a Gran Mesquita de París, na beira esquerda do Sena, e Notre Dame, que abrirá as súas portas en seis meses tras o grave incendio que sufriu hai cinco anos.

Sala Bataclan

Rémi Lemaire, bombeiro que combateu aquel lume, foi o portador elixido para esta zona. A chama transitou tamén pola praza da Bastilla e polo Bataclan, a sala de concertos en que un comando xihadista asasinou 90 espectadores que asistían a concerto de The Eagles of Death Metal no 2015.

Arthur Dénouveaux, presidente da asociación de vítimas dos atentados do 13 de novembro Life for Paris, e Philippe Duperron, presidente da asociación 13Onze15 Fraternité-Vérité, levaron o facho nesta zona.

Ao termo dun emotivo minuto de silencio, dirixiuse ao nordés da cidade, ata a praza de Colonel Fabien, onde se atopa a sede do Partido Comunista Francés (PCF), unha impresionante obra arquitectónica asinada polo brasileiro Óscar Niemeyer.

A chama proseguiu o seu traxecto cun concorrido paso polo Louvre, o museo máis visitado do mundo. Alí, pasou polas mans da estrela pop coreana Kim Seok-Jin, da banda BTS.

Desde a famosa pinacoteca que alberga a Gioconda, o facho terminou no Concello parisiense, onde pasará a noite ata a segunda etapa do luns tras unha velada que contou cun concerto e un espectáculo de fogos artificiais.

REUTERS/Christian Hartmann REUTERS/Christian Hartmann
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade