O filme español "Robot Dreams", de Pablo Berger, a mellor animación europea

Coixet foi recoñecida pola súa contribución ao cinema mundial e a francesa Anatomy of a Fall arrasou en catro categorías

G24.gal 09/12/2023 21:47 Última actualización 10/12/2023 11:53

O filme español Robot Dreams, de Pablo Berger, coproducido con Francia, foi distinguido este sábado en Berlín co premio á mellor película de animación da Academia do Cinema Europeo (EFA).

Foi nunha gala na que Isabel Coixet foi recoñecida pola súa contribución ao cinema mundial e a francesa Anatomy of a Fall arrasou en catro categorías, entre elas a de mellor filme europeo.

Berger agradeceu á academia o galardón e lembrou as palabras do "gran" Guillermo del Toro segundo o cal "a animación non é un xénero".

"Non vou parar ata que a industria nos trate como iguais", dixo, e dedicoulle o galardón "á creativa e vibrante industria do cinema de animación española".

Lembrou que esta é a súa cuarta película, pero a primeira de animación, e asegurou que non será a última. Ademais, animou a explorar as "interminables" oportunidades deste cinema.

Asegurou que non estaría onde está, sobre o escenario, sen os seus produtores, dixo sentirse "moi feliz" e afirmou que "o sorriso na cara" non se lle borrará en moito tempo.

A cinta premiada conta a historia de Dog, un can solitario que vive en Manhattan nos anos 80 e que un día decide construír un robot, un amigo. Vólvense inseparables ata que un accidente obriga a Dog a abandonar a Robot nunha praia.

Recoñecemento a Coixet

Isabel Coixet dedicou o seu Premio Logro Europeo no Cinema Mundial a todos os cineastas en Europa aos que se lles dixo que non son o suficientemente bos, interesantes, controvertido ou comerciais, entre moitos outros requisitos que supostamente deben cumprir para triunfar.

"Cando algo provén dun lugar moi forte no teu corazón hai alguén a quen lle gustará e conectará co que fas", díxolles.

A cineasta explicou que moi pronto na súa carreira se deu conta que "detrás da cámara non hai fronteiras, pasaportes, bandeiras ou límites".

Entregoulle o premio Laia Costa, que participa na súa última película Un amor. A actriz destacou o referente que é a directora para as mulleres cineastas e a súa disposición para axudalas sempre a abrir portas.

Anatomy of a Fall

A cinta máis premiada nesta 36 edición dos premios foi Anatomy of a Fall, de Justine Triet, ao levar os galardóns a mellor película europea, mellor dirección, mellor guión (para Triet e Arthur Harari) e mellor actriz (para a alemá Sandra Hüller).

A cinta, que estaba entre as favoritas con catro nominacións, recibiu así mesmo un premio á excelencia pola mellor edición para Laurent Sénéchal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar