Publicador de contidos
Publicador de contidos

O fume dos incendios que afectan Portugal cobre o ceo de boa parte de Galicia

O fume dos incendios que afectan Portugal cobre o ceo de boa parte de Galicia

A axuda internacional desprégase en Portugal, a onde chegaron esta madrugada 230 efectivos españois da Unidade Militar de Emerxencias

Volve estar activo o incendio da Gudiña que a Xunta daba por controlado e xa ascende a 240 hectáreas

Imaxe das illas Cíes este mércores /EN DIRECTO Cámara web da CRTVG en Baiona Imaxe das illas Cíes este mércores /EN DIRECTO Cámara web da CRTVG en Baiona
G24.gal 18/09/2024 10:34 Última actualización 18/09/2024 17:41

O fume dos incendios que afectan Portugal chegou este mércores a Galicia e cidades como Vigo amenceron co ceo cuberto por ese motivo.

O sol loce avermellado tras a fumareda, que é alta, aínda que se percibe o cheiro lixeiramente na cidade máis poboada do país.

Só hai un incendio activo ao norte da provincia de Pontevedra, segundo confirmou a Consellería do Medio Rural, polo que o fume que se ve en Vigo corresponde aos incendios do país veciño.

Segundo Meteogalicia a explicación de que a Lúa e o Sol se visen como tinguidos de vermello é un "efecto óptico" no que parte da luz do sol debe de atravesar unha densa nube que contén fume procedente dos incendios.

Así, a parte sur da comunidade, especialmente Baiona e a cidade olívica, segue cuberta de nubes de fume. Con todo, noutras áreas máis ao norte que amenceron cubertas, como Santiago, a medida que avanza o día xa están despexado.

Neste sentido, detallaron as mesmas fontes, co aumento da temperatura a situación irá a menos, pero advertiron de que se os lumes continúan e o vento do sur, pode haber unha nova entrada de fume.

Actualmente, a calidade do aire nas estacións galegas é favorable e boa e Meteogalicia atópase monitorizando en tempo real as partículas PM 2.5 (que son as que se forman cos incendios). "Hai pequenas oscilacións, pero non chega a haber avisos", detallaron desde o organismo.

A Xunta ofrece colaboración

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu a Portugal os medios e a experiencia de Galicia na loita contra o lume.

O presidente da Xunta lembra que hai un mes se inauguraba precisamente en Verín a primeira base aérea transfronteiriza para coordinar a resposta de España e Portugal na extinción de incendios.

Ante a gravidade dos incendios, o Goberno de Portugal declarou a situación de alerta ata o final do xoves e anunciou que decretarán a calamidade nos municipios afectados para poder apoiar máis rapidamente aos prexudicados.

Actualmente atópanse no terreo máis de 5.000 efectivos, uns 1.600 medios terrestres e 26 medios aéreos, segundo datos da Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil de Portugal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade