Publicador de contidos
Publicador de contidos

O G-20 pide respecto á integridade territorial pero non condena a guerra de Ucraína

O G-20 pide respecto á integridade territorial pero non condena a guerra de Ucraína

Os líderes das economías ricas acordan unha declaración conxunta no cumio de Nova Delhi

Ucraína mostrou decepción porque non se fai mención á agresión rusa

G24.gal 09/09/2023 21:00 Última actualización 09/09/2023 22:44

En contra das expectativas iniciais, os líderes do G-20, reunidos en Nova Delhi, conseguiron consensuar unha declaración conxunta sobre a guerra de Ucraína que non condena explicitamente a Rusia pero si insta a todos países a non utilizar a forza e a respectar a integridade territorial e a soberanía dos estados.

O primeiro ministro da India, Narendra Modi, anunciaba este sábado que os líderes das principais economías do mundo conseguiran pactar unha declaración conxunta sobre a guerra en Ucraína.

No cumio do ano pasado celebrado en Bali, o comunicado recollía a condena da maioría dos estados a esta guerra, mentres que en Nova Delhi a declaración foi aprobada por unanimidade.

Nela non hai referencia ningunha á agresión rusa pero os líderes do G-20 valoran a inclusión no pacto de Rusia e da China e a defensa da integridade territorial e o respecto á soberanía dos estados.

Valoracións

A Unión Europea considera un éxito a declaración. Admite que varios países non aceptaban a linguaxe empregada en Bali e valora que se inclúa unha referencia aos principios da ONU.

A delegación española tamén fala de éxito por considerar que hai unha condena indirecta á agresión territorial.


"Eu vexo un compromiso unánime co reforzo do multilateralismo e o recoñecemento por parte de todos os líderes e que precisamos reforzar os nosos instrumentos de cooperación e coordinación para facerlles fronte aos retos globais", afirma Nadia Calviño.

O Ministerio de Exteriores de Ucraína mostrou a súa decepción e suxeriu algunhas correccións ao texto como dicir que é Rusia e non "todos os países" quen debe absterse de usar a forza para conquistar territorios e tamén especificar que é inadmisible que Putin ameace con utilizar armas nucleares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade