O Goberno creará unha axencia estatal de control alimentario e fará voluntario o caderno dixital
O Goberno creará unha axencia estatal de control alimentario e fará voluntario o caderno dixital
O encontro produciuse no contexto de protestas de agricultores por todo o país
O Goberno creará unha axencia estatal de información e control alimentario para aumentar a capacidade de inspección que leva a cabo a actual AICA no cumprimento da lei da cadea. Por outra banda, tamén eliminará a obrigatoriedade de implantar o caderno dixital de campo.
Estas son dúas das 18 medidas que anunciou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas despois de reunirse este xoves coas organizacións profesionais agrarias (ASAJA, COAG e UPA). Este encontro produciuse no contexto do conxunto de protestas que miles de agricultores están a desenvolver por todo o país.
Agricultores e gandeiros reclamaron principalmente unhas políticas "verdes" máis flexibles, acordos comerciais máis xustos ou axudas para facer fronte a contratempos, como a seca.
Este paquete de 18 medidas anunciado divídese en distintos bloques referidos á lei da cadea, a simplificación, os ecorréximes ou os seguros agrarios, entre outras cuestións.
Estas son as medidas propostas, divididas en sete bloques:
Reforzo da aplicación da lei da cadea alimentaria
- Creación da Axencia Estatal de Información e Control Alimentario.
- Reforzo da coordinación coas comunidades autónomas.
- Posta ao día dos plans de inspección de oficio.
- Publicación dos totais acumulados de sancións (graves e moi graves).
- Proposta da Comisión Europea de actualización da directiva 633/2019.
Simplificación
- Proposta á Unión Europea de flexibilización da condicionalidade da Política Agraria Común para 2024. Neste contexto:
- Derrogación da BCAM 7 (rotación de cultivos) e da BCAM8 (superficies non produtivas) na superficie de regadío.
- En BCAM 7 (rotación de cultivos), eliminación da retroactividade no cómputo dos anos de rotación, posibilidade de que compute como rotación que un ano se puxese un cultivo secundario sen que se fixese uso nos dous anos anteriores.
- En BCAM 6 (cobertura mínima de chan), permitir labra vertical entre a colleita e o 1 de setembro e permitir estercar en verde nese período.
- Exención da superficie de agricultura ecolóxica na BCAM 8 (da BCAM 7 xa están exentas).
- Simplificación da carga administrativa para agricultores e gandeiros e de xestión do Plan Estratéxico. Propostas remitidas á Presidencia do Consello e á Comisión Europea, con vistas ao Consello de Ministros da Unión Europea do 26 de febreiro.
- Ampliación do catálogo actual de ecoesquemas para ter en conta as zonas especialmente áridas.
- A posta en marcha do caderno dixital terá carácter voluntario. Dada a importancia deste instrumento de xestión, incentivarase a súa posta en práctica.
Cuestións comerciais
- Defensa en todos os foros internacionais, en particular a UE e a Organización Mundial do Comercio, do principio de reciprocidade na utilización de produtos fitosanitarios na produción alimentaria (cláusulas espello).
- Instar á Comisión Europea a unha mellora da eficacia da Unión Aduaneira mediante unha mellor coordinación das aduanas nacionais.
- Reorganización da inspección en fronteira para mellorar a eficacia dos controis.
- Cando sexa necesario, para substancias que non estean autorizadas na UE, e a Comisión Europea non establecese o Límite Máximo de Residuos, España de forma preventiva establecerao en cero.
Seguros Agrarios
- Apoio ao sistema de seguros agrarios combinados (284,5 millóns de euros en 2024, máis as achegas necesarias para a súa estabilidade), con adaptacións das liñas para ter en conta as novas circunstancias climáticas.
Gasóleo profesional
- Mantemento dos incentivos en vigor (tipo efectivo soportado de 3,3 céntimos/litro fronte ao xeral de 37,9 céntimos/litro).
- Vixencia durante 2024 das deducións do 35 % da factura do gasóleo e dun 15 % da dos plásticos e fertilizantes, no IRPF, no método de estimación obxectiva.
Convocatoria do Foro da Gandería Extensiva
Celebrarase na primeira quincena de abril.
Iniciativa coas comunidades autónomas para reforzar os programas de incorporación de mozas á agricultura e a gandería
- Articulación de solucións de crédito bonificado e avalado para incorporación de mozas, en colaboración con entidades financeiras e comunidades autónomas.
Os sindicatos agrarios valoran os avances pero din que hai que seguir negociando e mobilizándose.
Minuto a minuto
Abren os colexios electorais en Galicia