Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno francés supera unha moción de censura da esquerda sen apoio socialista

O Goberno francés supera unha moción de censura da esquerda sen apoio socialista

A moción rexistrou 131 votos a favor, lonxe dos 288 necesarios para facer caer o Goberno de François Bayrou

O líder socialista: "Optamos por non practicar a política do peor porque pode conducir ao peor, ao triunfo da extrema dereita"

François Bayrou, primeiro ministro francés tras a votación da moción de censura. REUTERS / Benoit Tessier François Bayrou, primeiro ministro francés tras a votación da moción de censura. REUTERS / Benoit Tessier
G24.gal 16/01/2025 18:10

O Goberno francés superou este xoves unha moción de censura apoiada por tres partidos de esquerda, pero que non contou co apoio dos socialistas.

A moción rexistrou 131 votos a favor, anunciou tras o reconto a presidenta da Asemblea Nacional, Yäel Braun-Pivet, lonxe da maioría absoluta de 288 necesarios para facer caer o Executivo.

A ultradereitista Agrupación Nacional (RN) de Marine Le Pen tampouco apoiou a moción, como si fixera en decembro pasado para, xunto cos catro partidos de esquerda, derrubar o anterior Goberno de Michel Barnier.

A moción, a primeira que afrontaba o primeiro ministro François Bayrou, estivo protagonizada pola fractura da esquerda, onde o Partido Socialista (PS) desmarcouse dos seus outros socios da Nova Fronte Popular (NFP).

Unha primeira análise dos votos rexistrados indicou que arredor de oito dos 66 deputados socialistas rexeitarían a consigna do seu partido para apoiar a moción.

O primeiro secretario do PS, Olivier Faure, xustificou a posición en dous motivos.

O primeiro foron as concesións do Goberno nos contactos das últimas semanas, e que segundo el beneficiaron os cidadáns con medicas concretas en fiscalidade, educación ou sanidade. Tamén porque o Goberno aceptou reabrir a discusión sobre a moi impopular reforma das pensións de 2023, aínda que non está garantido que haxa cambios.

E o segundo foi o seu temor a que unha nova crise de Goberno podería traducirse en levar a Le Pen ao poder: "Optamos por non practicar a política do peor porque pode conducir ao peor, ao triunfo da extrema dereita", afirmou Faure.

Aínda así, Faure deixou claro que "estamos na oposición e aí seguiremos", e advertiu a Bayrou que o seu partido podería apoiar outra moción de censura "en calquera momento".

A postura socialista foi criticada polos principais líderes da Francia Insubmisa (LFI), o partido máis á esquerda da Asemblea Nacional, que presentara a moción, apoiada despois por ecoloxistas e comunistas.

O primeiro ministro acusou a LFI de que coa súa moción apostaba polo "enfrontamento" en lugar de buscar o diálogo "na situación tan grave do noso país", tanto pola posición "extremadamente grave" da economía e das contas públicas como polo difícil panorama internacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade