O Goberno segue negociando o apoio parlamentario aos presupostos do Estado de 2025
ERC cre que non chegarán ao Congreso e o PP di que sen presupostos Sánchez debería convocar eleccións
O Goberno desmente as informacións que apuntan a que xa renunciou a presentar os presupostos do Estado do ano en curso. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que non se rende para tentar aprobar uns novos orzamentos xerais do Estado e que están a falar cos grupos para iso.
Sánchez ratificou a intención de acordar unhas novas contas do Estado na rolda de prensa que ofreceu tras a reunión do Consello Europeo que se celebrou en Bruxelas.
"Non renunciamos. O que facemos é traballar con eles. Non nos rendemos. Por suposto que queremos aprobalos", insistiu.
A ministra de Facenda insiste en que aínda estando xa en marzo, seguen negociando cos grupos parlamentarios as contas públicas de 2025.
"Niso estamos aínda, e, como sabedes, este Goberno pelexa ata o último balón, dialoga e estamos traballando para presentar os presupostos", aseguraba a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
E o socio minoritario do Goberno di que a obriga do executivo é presentar os presupostos.
"Debe facerse. E se non se logra tramitalos, tomar unha decisión", asegurou Yolanda Díaz.
Pero algúns socios parlamentarios consideran que non chegarán ao Congreso.
"Cre que o Goberno vai traer os presupostos á Cámara? Non, non se van atrever. Por que? Porque palman", aseguraba tallante o deputado de ERC, Gabriel Rufián a preguntas dos xornalistas no Congreso.
E para o PP, Pedro Sánchez só ten unha saída se non consegue aprobar as contas públicas deste 2025.
"Se vostede non ten presuposto, ten que convocar eleccións", sostiña Alberto Núñez Feijóo desde Bruxelas.
Se non logra a maioría parlamentaria suficiente, sería o segundo ano consecutivo coas contas públicas prorrogadas.