Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación baixa ao 3,3 %, o seu menor nivel en ano e medio

A inflación baixa ao 3,3 %, o seu menor nivel en ano e medio

Recortou 2,7 puntos a súa taxa interanual, xa que o pasado ano a enerxía repuntara pola invasión de Ucraína

A inflación subxacente mantense no 7,5 %

O Goberno saca peito polo dato da inflación e o aféalle o triunfalismo

G24.gal 30/03/2023 09:04

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 0,4 % en marzo en relación ao mes anterior e recortou máis de 2,5 puntos a súa taxa interanual, ata o 3,3 %, o seu menor valor desde agosto de 2021, segundo os datos avanzados publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Trátase do maior descenso nun mes da taxa de inflación desde maio de 1977, sinalou o INE.

Esta moderación da taxa de crecemento interanual do IPC sitúa a inflación no seu menor nivel desde agosto de 2021, cando se rexistrou tamén unha taxa do 3,3 %, e supón romper con dous meses consecutivos de ascensos que levaron o IPC ata o 6 % o pasado mes de febreiro.

Estatística atribuíu o menor crecemento dos prezos en marzo ao abaratamento da electricidade e dos carburantes fronte á repunta que experimentaron en igual mes de 2022.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en marzo baixou unha décima, ata o 7,5 %, situándose 4,2 puntos por encima do IPC xeral e nos seus valores máis altos en máis de 40 anos.

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital Nadia Calviño xa adiantara que a inflación ía moderarse en marzo.

Fontes do seu Departamento resaltaron que o dato de marzo é case tres veces inferior ao rexistrado un ano antes, ademais de ser o "máis baixo desde agosto de 2021".

Segundo Economía, o descenso "sostido" do prezo da electricidade derivado da chamada "excepción ibérica" e o resto de medidas adoptadas polo Goberno para conter os prezos foron factores "clave" para que "a inflación española se sitúe entre as máis baixas de Europa".

O dato de marzo deberá ser confirmado por Estatística a mediados do mes que vén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar