O Lleida xogou mellor o último minuto no Pazo (77-81)
O Lleida xogou mellor o último minuto no Pazo (77-81)
Paulí decantou un partido moi igualado co seu acerto na parte final do partido
Ao Río Breogán escapoulle ante o Lleida unha vitoria que tivo na man. O partido foi moi igualado e xogouse todo nun último minuto en que a moeda caeu do lado visitante pola calidade de Paulí.
Malia o acerto de Toni Nakic (oito puntos no primeiro cuarto), era o Lleida o que levaba o ritmo do partido. A defensa do Breogán facía augas e iso aproveitárono os cataláns para coller unha diferenza de sete puntos (22-29). Da man de Apic reaccionou o Breogán ao comezo do segundo cuarto (parcial de 8-0). O equipo lugués parecía que ía chegar por diante ao descanso (42-38) cando recibiu un parcial de 0-7 que devolveu a iniciativa a Lleida.
O terceiro cuarto non decidiu nada, cos dous equipos moi pouco atinados no lanzamento e encamiñándose cara a un último cuarto de infarto (57-61). Unha tripla de Davis e outra de Hilliard devolvían a máxima que tivo o Breogán no partido (67-63), pero o Lleida aguantou nese momento crítico e chegou con vida ao último minuto. Aí emerxeu a figura de Paulí con cinco puntos consecutivos (75-78). No intercambio de canastras final o Breogán non puido lograr a vitoria nin forzar a prórroga e acabou cedendo o partido a un rival directo.