O mundo comeza a superar o caos xerado polo apagamento de Microsoft
O mundo comeza a superar o caos xerado polo apagamento de Microsoft
O transporte aéreo foi o máis afectado, pero tamén houbo problemas no sector bancario, en institucións públicas, organismos e hospitais
O presidente de CrowdStrike, a compañía onde se orixinou o erro, insiste en que non foi un ciberataque senón un problema illado
Empresas esenciais, do sector bancario, aeronáutico, da comunicación ou da saúde van recuperando a normalidade tras o "maior apagamento informático" da historia, logo de que se producira un erro no sistema Microsoft Windows.
A causa foi a actualización dun software de CrowdStrike -compañía de ciberseguridade con sede en Austin (Texas)- para o sistema operativo Windows 10 que deixaba os equipos atrancados na chamada "pantalla azul da morte", segundo explica en X George Kurtz, director xeral da empresa.
O experto Troy Hunt, responsable do popular portal sobre ciberseguridade e estado de redes en liña HaveIBeenPwned, asegura que a dimensión global da caída representou "o maior apagamento informático da historia".
Non foi un ciberataque
Kurtz, presidente de CrowdStike, subliñou en X que o ocorrido non foi un incidente de seguridade nin un ciberataque, senón un problema illado para o que se deu soporte á clientela para obter as últimas actualizacións.
Segundo explican especialistas na materia, a última actualización de controladores de Falcon contiña erros e colapsou Azure, a plataforma de computación na nube creada por Microsoft para construír, probar e administrar aplicacións e servizos usando a súa infraestrutura global.
Iso provocou a aparición dos pantallazos azuis ou "da morte" amosando en todo o mundo que os sistemas deixaran de funcionar e que había que reiniciar os servidores.
Kutz desculpouse polas interrupcións e asegurou que os seus enxeñeiros xa resolveron o problema que causou o fallo global, pero avisou que algunha clientela aínda pode tardar algún tempo en volver operar.
Transporte aéreo, o sector máis afectado
O fallo de Microsoft provocou incidentes no rexistro de pasaxeiros, erros nas conexións de redes e nos sistemas de información de aeroliñas en todo o mundo, que deixaron en terra milleiros de persoas ao modificar voos de xeito masivo.
As principais compañías do mundo, incluídas American Airlines, Delta e United, cancelaron ou atrasaron voos a nivel "global", provocando longas ringleiras nos aeroportos. Os seus efectos aínda se deixan sentir este sábado en numerosas terminais.
Nos Estados Unidos, o apagamento tivo un impacto masivo, especialmente no sector da aviación e da loxística. Más de 31.000 voos sufriron atrasos e ao redor de 3.600 foron cancelados.
En Europa foron varios os aeroportos afectados. É o caso do de Heathrow en Londres, un dos de maior tráfico, que implementou plans de continxencia para minimizar o impacto nas viaxes.
Tamén houbo problemas nos aeroportos de Luton, Gatwick, Stansted, Edimburgo e Manchester, no Reino Unido, e no de Roma, Schiphol (Países Baixos), Berlín, Zúric (Suíza) ou Cracovia (Polonia).
Aeroliñas e aeroportos de Asia e Oceanía tamén confirmaron que sufriron problemas informáticos. Varias empresas, incluídas liñas aéreas nos Emiratos Árabes Unidos (EAU), Kuwait e Barhein víronse afectadas, aínda que na súa maioría de xeito "limitado".
Pola súa banda, a Autoridade Aeroportuaria de Hong Kong activou o mecanismo de resposta de emerxencia no aeroporto para garantir a continuidade dos servizos.
Os aeroportos de Sidney e Melbourne, en Australia, anunciaron este sábado que os seus sistemas informáticos volveron funcionar con normalidade.
Incidencias globais
O erro tamén prexudicou bancos, institucións, organismos e hospitais. Incluso o sistema informático de París 2024 viuse afectado de maneira parcial e impediu a entrega de uniformes e acreditacións.
Os problemas estendéronse en Australia ao sistema de pago de supermercados como Woolworths e de bancos como NAB, ANZ, Commonwealth Bank e Bendigo Bank.
No Xapón provocou caídas nunha web do sistema ferroviario e afectou as caixas rexistradoras de distintos negocios.
Varias empresas alemás, como o banco Deutsche Bank ou a teleco Deutsche Telekom, tiveron erros e os hospitais de Israel víronse afectados, segundo o diario local Times of Israel.
No Reino Unido, a Bolsa de Valores de Londres, compañías ferroviarias e a cadea de televisión Sky rexistraron interrupcións. A compañía de ferrocarrís danesa DSB tivo igualmente problemas para prestar os seus servizos a través da Internet.
Ademais, o transporte público sueco viuse afectado en varias cidades e Apotek 1 -a maior cadea de farmacias de Noruega, con máis de 400 boticas-, tivo que pechar durante a xornada por "problemas técnicos".
A nivel corporativo, logo do peche de Wall Street, a tecnolóxica Crowdstrike perdeu un 11 % tras a actualización defectuosa da súa plataforma de seguridade.
Nos Estados Unidos, tamén houbo problemas nalgúns pasos fronteirizos, como o de Ciudad Juárez, en México.