O Museo do Castelo de Santo Antón da Coruña celebra o seu 55 aniversario o próximo sábado
O Museo do Castelo de Santo Antón da Coruña celebra o seu 55 aniversario o próximo sábado
Construído como fortaleza no século XVI tamén albergou unha prisión. Co paso dos anos, o Castelo de Santo Antón foi ampliando as súas instalacións.
Ana María Arenaz, técnica responsable do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, explica: "O edificio ten na parte alta a coñecida como Casa do gobernador e na parte baixa temos a sección de arqueoloxía, que é un dos grandes bloques de contidos deste museo e na parte alta a sección de historia que a min me gusta chamarlle gabinete de curiosidades".
Entre os espazos que máis chaman a atención de quen o visita por primeira vez: o alxibe. "É un dos espazos máis máxicos deste castelo. É unha cisterna que recolle a auga da chuvia a través dun sistema de canalizacións que serve de depósito de auga doce de todos aqueles que habitaban o castelo, primeiro os militares e logo os presos".
Nos anos 50 do século pasado pasou a mans municipais. A partir de aí, acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, onde se custodian pezas relevantes da historia galega. É o caso do casco de Leiro, peza prehistórica atopada en Rianxo. "É unha peza de ouro repuxado. É unha peza fermosa e tecnicamente espectacular", engade Ana María Arenaz.
O museo foi inaugurado o 5 de outubro de 1968, hai agora 55 anos. Data que se conmemorará o próximo sábado. "Teremos unha xornada de portas abertas desde as dez da mañá ata as doce da noite para que todas as persoas que nos visiten poidan ver o castelo de noite, porque iluminado é unha auténtica preciosidade", comenta a responsable do museo. Visitas guiadas e obradoiros infantís e para adultos completarán a oferta de actividades deste aniversario.