Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fai 37 anos do devastador temporal de 1987

Fai 37 anos do devastador temporal de 1987

O vento e a chuvia deixaron marcas históricas que levaron ao desbordamento dos ríos e provocaron grandes danos

Imaxes do temporal de 1987
G24.gal 14/10/2024 16:50

Fai 37 anos do devastador temporal que o 14 de outubro de 1987 deixou inundacións históricas en Galicia. Foron tres días nos que tanto as chuvias como os refachos do vento deixaron marcas históricas en Galicia.

Foron 72 horas entre o 14 e o 16 de outubro de hai agora 37 anos en que, sobre todo en Padrón e en Caldas de Reis, as rúas eran ríos.

Os veciños, coa auga por riba da cintura, empurraban lanchas pneumáticas do Exército. Máis de 2.500 persoas tiveron que ser evacuadas.

Os ríos Sar e Umia rebordaron, entraron, literalmente, nas casas e nos comercios. A auga cortou estradas, pechou aeroportos e deixou sen luz e tamén sen subministración de auga potable moitos veciños durante varios días.

Houbo quen tivo que saír polas fiestras. A choiva torrencial chegou aqueles días de outubro despois de que estivera chovendo todo o mes. Chovía sobre mollado.

Unha persoa morreu e os danos materiais foron incalculables naquel momento en que a auga tardou días en saír das vivendas.

As clases nos colexios foron suspendidas en toda Galicia durante aquela semana de mediados de outubro de hai agora trinta e sete anos. Os veciños valoraron as perdas naquel momento pero, contan, nunca recibiron a compensación esperada.

A riada de Padrón provocou, como resposta preventiva, a canalización do Sar. En Caldas tamén se tomaron medidas para que algo así non volvese suceder.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade