Publicador de contidos
Publicador de contidos

O'Neill, do nacionalista Sinn Féin, convértese en ministra principal norirlandesa

O'Neill, do nacionalista Sinn Féin, convértese en ministra principal norirlandesa

Emma Little-Pengelly, deputada do probritánico Partido Democrático Unionista, asumirá o cargo de viceministra principal

Á formación do Executivo tamén achegaron ministros o multiconfesional Partido Alianza e o Partido Unionista do Ulster

A ministra principal, Michelle O'Neill, na Asemblea de Irlanda do Norte (FrancesPress) A ministra principal, Michelle O'Neill, na Asemblea de Irlanda do Norte (FrancesPress)
G24.gal 03/02/2024 17:11

A Asemblea de Irlanda do Norte referendou este sábado a formación dun Goberno de poder compartido, onde o posto do ministro principal estará ocupado por primeira vez na historia da rexión, por un político nacionalista. Isto será grazas á líder do proirlandés Sinn Féin, Michelle O'Neill.

Outra muller, a deputada do probritánico Partido Democrático Unionista (DUP), a segunda forza, Emma Little-Pengelly, asumirá o cargo de viceministra principal.

Na súa primeira mensaxe á cámara de representantes, a líder do Sinn Féin, o antigo brazo político do xa inactivo Exército Republicano Irlandés (IRA), comprometeuse a traballar para toda a sociedade norirlandesa. Tamén celebrou a restauración do Executivo como unha porta que abre o camiño a "un futuro compartido".

A dirixente republicana destacou os esforzos realizados polo DUP para regresar ao Goberno, despois de que o seu líder, Jeffrey Donaldson, levantara este xoves un veto de dous anos tras pechar un pacto con Londres. Este acordo aborda as súas preocupacións sobre os arranxos comerciais posbrexit para a provincia británica.

"A coalición de poder compartido formada hoxe aquí polos partidos debe dedicarse agora a desenvolver unha ambiciosa axenda de cambio. Esta é unha Asemblea para todos, católicos, protestantes e disidentes", destacou O'Neill.

Little-Pengelly felicitou á súa ministra principal, asegurando que tratará de desempeñar o seu cargo con "dilixencia" para aproveitar o "incrible potencial" que presenta este novo comezo para Irlanda do Norte.

Así e todo, quixo lembrar que, como moitos na cámara, ela medrou durante o pasado conflito e relatou a súa experiencia tras un atentado con bomba perpetrado polo IRA cando tiña só once anos de idade.

"Nunca esquecerei o medo, a dor e a furia", sinalou a viceministra, quen destacou que a mocidade norirlandesa, por sorte, xa non ten que facer fronte a "ese terror".

A Asemblea de Belfast confirmou este sábado que a composición completa do próximo Executivo, ao que achegan ministros o multiconfesional Partido Alianza e o Partido Unionista do Ulster (UUP), terceira e cuarta formación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos