Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden e Sunak dialogan sobre o proceso de paz en Irlanda do Norte

Biden e Sunak dialogan sobre o proceso de paz en Irlanda do Norte

O presidente dos Estados Unidos comeza en Belfast unha visita de catro días

O presidente dos EUA leva a mensaxe da necesidade de manter a paz O presidente dos EUA leva a mensaxe da necesidade de manter a paz
G24.gal 12/04/2023 08:16 Última actualización 12/04/2023 16:47

O presidente estadounidense, Joe Biden, asegurou este mércores que está en Irlanda do Norte para "escoitar" e apoiar o proceso de paz na provincia británica, que celebra o 25 aniversario do acordo do Venres Santo coas institucións do Goberno autónomo suspendidas.

O mandatario demócrata efectuou esas declaracións ás cámaras de televisión presentes, ao comezo dun encontro nun hotel de Belfast co primeiro ministro británico, Rishi Sunak, de pouco máis de 30 minutos no que tomaron té e dialogaron sobre varios asuntos, segundo a Casa Branca.

Non houbo despois conferencia de prensa conxunta e o presidente dirixiuse ao novo campus da Universidade do Ulster, o seu único evento público na rexión, para pronunciar un discurso sobre os progresos de 25 anos de paz e a oportunidades de investimento na súa economía.

Espérase que Biden, de orixe irlandesa, aproveite para instar o Partido Democrático Unionista (DUP), segunda forza política, a que regrese ao Goberno de poder compartido, suspendido desde fai máis dun ano.

O DUP négase a entrar nun Executivo liderado polo nacionalista Sinn Féin, primeira forza, polo seu rexeitamento aos arranxos comerciais posbrexit para a provincia, pactados por Londres e Bruxelas no Acordo Marco de Windsor.

Segundo a Casa Branca, antes de partir hoxe cara a Dublín ao mediodía, Biden tamén "terá a oportunidade de interactuar" con "cada un" dos líderes dos cinco principais partidos rexionais, aínda que non haberá "unha reunión de grupo formal", como consecuencia das súas diferenzas sobre o brexit.

Biden viaxa a Irlanda no 25 aniversario dos acordos de Venres Santo

Joe Biden está en Irlanda do Norte. O presidente dos Estados Unidos comezou en Belfast unha visita de catro días, que coincide co 25 aniversario dos acordos de Venres Santo, que puxeron fin a tres décadas de conflito na illa. Biden chega coa mensaxe sobre a necesidade de manter a paz e presumindo ademais das súas raíces irlandesas.

A súa presenza obrigou a despregar o maior dispositivo de seguridade en Irlanda do Norte en dez anos. Horas antes de chegar, a policía informaba do achado de catro presuntas bombas caseiras no cemiterio de Londonderry. 

O mandatario demócrata, de profundas raíces irlandesas, destacou a gran transformación política, social e económica que atravesa a rexión desde a sinatura o 10 de abril de 1998 de aquel pacto, cando persoas "valentes" dixeron "basta" a case 30 anos dun conflicto que causou máis de 3.500 mortos.

O presidente citou ao senador estadounidense George Mitchell, clave no marco do papel mediador desempeñado pola Administración presidida naquel momento por Bill Clinton para sentar na mesa de negociación ás dúas comunidades tradicionalmente enfrentadas no Ulster, a unionista probritánica e a nacionalista proirlandesa, algo impensable ata daquela.

O seu discurso tivo un importante compoñente económico, en que salientou as oportunidades de investimento que se abriron na rexión co proceso de paz, acentuado coa presenza na sala do seu enviado especial a Irlanda do Norte, Joe Kennedy III (neto de Robert Kennedy).

O presidente tamén abordou a situación política na rexión, cunha mensaxe coidadosamente preparado para non ferir as sensibilidades dos unionistas protestantes, que o ven como un líder máis próximo a Dublín que a Londres, tanto pola súa visión xeopolítica (desbotou o Brexit) como polas súas orixes irlandesas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade