Biden garántelle a Trump un traspaso de poderes "pacífico e ordenado"
Biden garántelle a Trump un traspaso de poderes "pacífico e ordenado"
O aínda presidente chama a "baixar a temperatura" do debate político
Kamala Harris acepta a derrota pero non renuncia "á loita que impulsou a campaña"
Joe Biden compareceu, se cadra por derradeira vez, no Roseiral da Casa Branca, un escenario solemne para recoñecer a vitoria de Donald Trump nos comicios do martes.
Biden xa falou co seu sucesor para ofrecerlle toda a colaboración de aquí ao 20 de xaneiro, cando toca facer a remuda. "Asegureille que porei a miña administración a traballar co seu equipo para garantir unha transición pacífica e ordenada", dixo.
O aínda presidente di que non se pode amar o país só cando se gaña. E chamou a rebaixar a tensión política: "Algo que podemos facer, non importa a quen votases: ver os outros non como adversarios, senón como compatriotas americanos. Baixemos a temperatura".
O presidente, sobre quen recaen agora as críticas de moitos demócratas pola tardanza en renunciar á candidatura, dixo que Harris fixo unha campaña inspiradora.
A candidata derrotada felicitou a Trump, pero advertiu que a súa lealdade non é ao novo presidente, senón á Constitución. "Aínda que acepto a derrota, non renuncio á loita que impulsou esta campaña", dixo Harris.
Desde a súa mansión de Florida, Donald Trump prepara xa os seus primeiros decretos: un dos seus asesores apuntou a que asinará dous o primeiro día, un para pechar a fronteira aos inmigrantes ilegais e outro para impulsar a perforación de pozos petrolíferos.
Tamén ultima o seu primeiro gabinete: soan o senador Marcos Rubio para encargarse da política exterior, Robert Kennedy jr., coñecido pola súa postura antivacinas, para Sanidade, ou o multimillonario Elon Musk para dirixir un departamento de recorte do gasto.