Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump destaca que a política é dura, pero agradece a Biden unha transición pacífica

Trump destaca que a política é dura, pero agradece a Biden unha transición pacífica

Reuníronse na Casa Branca, onde falaron da guerra en Ucraína e dos reféns israelís en Gaza

Joe Biden felicitou o presidente electo e trasladoulle que o "apoio continuo" a Kíev é un "interese de seguridade nacional" dos Estados Unidos

Trump confirma que Marco Rubio será o seu secretario de Estado

Donald Trump e Joe Biden durante a súa reunión na Casa Branca. REUTERS Donald Trump e Joe Biden durante a súa reunión na Casa Branca. REUTERS
G24.gal 13/11/2024 20:24

O presidente electo de Estados Unidos, Donald Trump, destacou este mércores que a política é dura, no seu regreso á Casa Branca, aínda que agradeceu ao actual mandatario Joe Biden os seus esforzos para asegurar unha transición pacífica.

Ambos os líderes, acérrimos rivais políticos, mantiveron unha reunión este mércores. O encontro tivo unha duración de case dúas horas, entre as 11:00 e as 13:00 hora local, e nel falaron da guerra en Ucraína e dos reféns israelís en Gaza, segundo informou a Casa Branca.

Na reunión, Biden trasladou a Trump que o apoio continuo a Kíev é un interese de seguridade nacional dos Estados Unidos, segundo explicou en conferencia de prensa o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca Jake Sullivan.

Sullivan tamén informou de que os dous líderes trataron o asunto dos reféns que Hamas e outras milicias palestinas capturaron hai máis dun ano, o 7 de outubro de 2023, durante un ataque a Israel.

Ao inicio da súa reunión, ambos os dous compareceron ante a prensa, ofrecendo breves e cordiais declaracións coas que inauguraron formalmente a transición.

Biden foi o primeiro en falar, dando a benvida a Trump e estendéndolle a man para estreitarlla con entusiasmo.

"Señor presidente electo e antigo presidente, Donald, parabéns. Espero que teñamos, como xa dixen, unha transición tranquila", expresou Biden, mentres Trump o escoitaba coas mans entrelazadas e lixeiramente inclinado cara a adiante no seu asento.

Biden tamén lle asegurou que o seu equipo se encargará de que dispoña de todo o necesario para asumir o poder o próximo 20 de xaneiro de 2025, e engadiu: "Benvido de volta".

A continuación, Trump tomou a palabra para afirmar: "A política é dura e, moitas veces, é un mundo complicado, pero hoxe é un bo día neste mundo. Agradezo moito que a transición estea a ser así fluída e que siga así". Ao que Biden respondeu cun conciso "de nada".

Esta comparecencia foi especialmente breve. Falaron durante pouco menos dun minuto antes de continuar a reunión a porta pechada.

Aínda que o encontro tivo un aire oficial, mentres se desenvolvía, a campaña de Trump enviou aos seus seguidores un correo solicitando doazóns, no que se lía: "O presidente Trump está agora mesmo na Casa Branca levando a cabo unha reunión moi importante".

Biden convidara a Trump á Casa Branca nunha chamada o 6 de novembro, un día despois das eleccións nas que o republicano venceu á vicepresidenta Kamala Harris. Trump aceptou de inmediato e a Casa Branca anunciou o sábado que a reunión sería este mércores.

Este tipo de encontros adoita ser unha tradición para garantir unha transferencia de poder ordenada.

Con todo, en 2020 Trump non convidou a Biden á Casa Branca tras a súa vitoria. En cambio, o republicano difundiu teorías infundadas sobre fraude e nin sequera asistiu á investidura do seu sucesor, sendo o primeiro presidente dos EUA en non facelo desde 1869.

Melania Trump non acudiu á Casa Branca, a pesar de que a primeira dama Jill Biden a convidara a tomar o té mentres os seus esposos se atopaban reunidos. A oficina de Melania non ofreceu razóns para a súa ausencia e limitouse a desexarlle "moito éxito" ao seu esposo.

Como non se produciu o encontro entre primeiras damas, Jill Biden aproveitou para saudar a Donald Trump á súa chegada á Casa Branca e entregoulle unha carta dirixida a Melania Trump na que lle expresaba as súas felicitacións e ofrecía a colaboración do seu equipo para facilitar a transición.

Antes de visitar a Casa Branca, Trump mantivo unha reunión con lexisladores republicanos nun hotel próximo ao Capitolio.

O presidente electo chegou á reunión acompañado de Elon Musk, un fiel aliado durante a campaña e ao que onte puxo á fronte dun organismo de "eficiencia gobernamental". O presidente electo chanceou con que xa non o pode quitar (a Musk) de enriba.

Nun breve discurso, o presidente electo alardeou do seu triunfo nas eleccións e fixo unha broma sobre a posibilidade de volverse presentar, algo que non pode facer xa que nos Estados Unidos existe unha limitación de dous mandatos.

"Sospeito que non me presentarei de novo a menos que digan que é bo, entón pensaremos noutra cousa", apuntou entre risas dos asistentes.

A súa aparición pública cos lexisladores no hotel próximo ao Capitolio foi a primeira desde o seu discurso de vitoria na noite electoral. Trump non volvera á sede do lexislativo estadounidense desde que os seus seguidores a asaltaron o 6 de xaneiro de 2021 para evitar que fose certificada a vitoria de Biden.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade