O Ourense C. F. busca prolongar o soño copeiro contra o Valladolid
O Ourense C. F. busca prolongar o soño copeiro contra o Valladolid
O domingo ás 12:00 recibe no Couto ao pechacancelas da Primeira División
O Ourense Club de Fútbol quere prolongar o soño copeiro diante do Valladolid. O pechacancelas da Primeira División será o segundo equipo que visite o Couto nesta edición da Copa do Rei logo do éxito, tanto de público como de resultado, acadado diante do Deportivo.
A ilusión é máxima no equipo que dirixe Pablo López. Son conscientes da dificultade da empresa e de que todas as forzas teñen que empregarse para saír da complicada situación ligueira na que se atopan na súa estrea na Primeira Federación. Pero a ninguén lle amarga un doce e o vestiario olla esta Copa como unha gran oportunidade de seguir enganchando á afección.
O Valladolid tampouco está cos cinco sentidos postos no torneo do K. O. A súa situación ligueira é mala. Ocupa o último posto e está a catro puntos da salvación. Acaban de asinar un novo adestrador -Diego Cocca- e o propietario do club, o mítico Ronaldo Nazario, anda ás voltas para vender a entidade. Iso engadido a que os menos habituais terán a oportunidade poden ser feitos que igualen as forzas entre dous rivais separados por dúas categorías.