O Ourense C. F. tamén se apunta á festa da Copa (3-2)
O Ourense C. F. tamén se apunta á festa da Copa (3-2)
Eliminou o Valladolid despois de ir por debaixo no marcador en dúas ocasións
Jairo, Jerín e Ángel Sánchez marcaron os goles dos ourensáns que volverán a ter un rival de Primeira
O Ourense Club de Fútbol uniuse ao Pontevedra na revolución dos modestos e converteuse no segundo equipo non profesional en meterse nos oitavos de final desta edición da Copa do Rei. Gañoulle por 3-2 a todo un Valladolid e propiciou a segunda gran sorpresa desta rolda.
Ata en dúas ocasións estivo por debaixo no marcador o cadro ourensán. Raúl Moro marcou no quince e só dous minutos máis tarde empatou Jairo. No 24 era Amallah o que poñía o segundo para o equipo de Primeira. Oito minutos tardou en igualar Jerín. Outro equipo tería baixado os brazos diante dun rival desa entidade pero os ourensáns nunca lle perderon a cara ao encontro.
O heroe da eliminatoria contra o Deportivo, Ángel Sánchez, volveu aparecer no 52 para marcar o terceiro tanto que provocou o delirio no Couto. O Valladolid estaba contra as cordas. Perdeu tres xogadores por lesión e o último deles, Raúl Moro, xa non puido substituílo por teren esgotado os trocos.