O papa alerta dos "ventos da guerra" sobre Europa na súa mensaxe de Pascua
O papa alerta dos "ventos da guerra" sobre Europa na súa mensaxe de Pascua
Pide que non se ceda á lóxica das armas e do rearmamento e que se "tenda a man" para acadar a paz
Desde o balcón da basílica de San Pedro para a tradicional bendición urbi et orbi do Domingo de Resurrección, o papa Francisco repasou os conflitos e os males no mundo e fixo unha petición para apostar pola paz e non pola guerra.
"A guerra é sempre un absurdo e unha derrota. Non permitamos que os ventos da guerra sopren cada vez máis fortes sobre Europa e sobre o Mediterráneo. Que non se ceda á lóxica das armas e do rearmamento (...) A paz non se constrúe nunca coas armas, senón tendendo a man e abrindo o corazón".
Francisco, que o venres non acudiu ao viacrucis para "preservar a súa saúde", apareceu en boa forma e ante as 60.000 persoas congregadas na praza, dirixiu o seu pensamento "ás vítimas de tantos conflitos".
Comezou polas de Israel, Palestina e Ucraína e pediu que "Cristo resucitado abra un camiño de paz para as martirizadas poboacións desas rexións".
Intercambio de prisioneiros
O pontífice instou a "respectar os principios do dereito internacional" e reclamou "un intercambio xeral de todos os prisioneiros entre Rusia e Ucraína".
"Todos por todos!", aseverou.
O Vaticano mediara para o intercambio de prisioneiros nos primeiros meses do conflito, pero a misión diplomática da Santa Sé quedou estancada.
Francisco nomeou o cardeal Matteo Zuppi para levar a cabo unha mediación humanitaria, co obxectivo de que a poboación infantil ucraína deportada a Rusia puidera volver ao seu país. Polo momento, non houbo resultados.
Axudas a Gaza e liberación de reféns
Francisco reiterou o seu chamamento para "garantir a posibilidade de acceso ás axudas humanitarias en Gaza, exhortando novamente á rápida liberación dos reféns secuestrados o pasado 7 de outubro e a un inmediato cesamento do fogo na Franxa".
"Non permitamos que as hostilidades en curso continúen afectando gravemente a poboación civil, xa de seu extenuada, e principalmente aos nenos. Canto sufrimento vemos nos seus ollos".
Non esquecer o resto de conflitos
Tamén pediu non esquecer Siria, que leva catorce anos sufrindo a guerra, ou O Líbano, afectado desde hai tempo por un bloqueo institucional e unha profunda crise, agravados agora polas hostilidades na fronteira con Israel.
Instou a continuar as conversas entre Armenia e Acerbaixán. Solicitou "consolo ás vítimas de calquera forma de terrorismo". Rogou para que Deus "abra vías de paz no continente africano" e poña fin á prolongada situación de seca que provoca "carestía e fame".
Citou a situación na rexión dos Balcáns Occidentais, "onde se están dando pasos significativos cara á integración no proxecto europeo" e rogou para que "as diferenzas étnicas, culturais e confesionais non sexan causa de división".
Pediu que en Haití "cese canto antes a violencia que lacera e ensanguenta e poida progresar no camiño da democracia e a fraternidade".
O papa non esqueceu na súa mensaxe a poboación migrante, as persoas con problemas económicos e os menores que "carecen de coidados esenciais ou son vítimas de abusos e violencia".