O papa segue o tratamento para a pneumonía bilateral e permanece estable
O pontífice, de 88 anos, non precisa ventilación mecánica e xa non ten febre
Nunha mensaxe difundida polo Vaticano asegurou: "Sinto todo o voso afecto e a vosa proximidade, e síntome levado e sostido por todo o Pobo de Deus"

O papa Francisco descansou toda a noite, espertou, almorzou e comezou o tratamento diario no décimo oitavo día de hospitalización. Mentres, permanece "estable" da pneumonía bilateral que padece e segue "unha evolución natural", segundo fontes vaticanas.
Segundo as mesmas fontes, o papa descansou ben toda a noite, segue estable e non necesitou ventilación mecánica non invasora nas últimas horas tras o episodio de broncoespasmo que sufriu o venres, segundo o último parte médico dado a coñecer este luns pola oficina de prensa do Vaticano. O cadro clínico do pontífice arxentino segue sendo complexo e o seu prognóstico reservado.
O papa non necesitou ventilación mecánica non invasiva, senón só osixenoterapia de alto fluxo, despois do broncoespamo que sufriu o pasado venres cun episodio de vómito, e indicouse que está afebril.
O pontífice, de 88 anos, está hospitalizado desde o pasado 14 de febreiro por unha bronquite con infección polimicrobiana á que se sumou unha pneumonía bilateral.
Ademais, este domingo informouse de que Francisco recibiu a visita do secretario de Estado vaticano, o cardeal italiano Pietro Parolin, e o substituto da Secretaria de Estado, o venezolano Edgar Peña Parra.
Por terceiro domingo consecutivo, o papa non pronunciou a mensaxe do ánxelus, pero difundiuse o texto: "Mándovos estes pensamentos aínda desde o hospital, onde, como sabedes, estou desde hai varios días, acompañado por médicos e traballadores sanitarios, a quen dou as grazas pola atención coa que me coidan".
O papa asegurou sentir no corazón a bendición que se esconde dentro da fraxilidade. "Dou grazas a deus por darme a oportunidade de compartir en corpo e espírito a difícil situación de tantos enfermos e persoas que sofren".
Francisco tamén agradeceu aos fieis que rezan pola súa saúde: "Sinto todo o voso afecto e a vosa proximidade e, neste momento particular, síntome como levado e sostido por todo o Pobo de Deus. Grazas a todos!", remarcou o pontífice.