Máis de 30 artistas galegas protagonizan a campaña da Xunta polo 8M, 'O noso canto'
É un diálogo musical que xorde de dúas pezas interpretadas por distintas xeracións de artistas que, ao se fundiren, derivan nunha canción colectiva que supón un proxecto cultural sen precedentes
Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Lucía Pérez, Yoly Saa, Sabela Ramil ou Caamaño&Ameixieras, entre outras, poñen voz e son a esta obra orixinal impulsada pola Xunta de Galicia e composta por Belém Tajes
O noso canto estará dispoñible en todas as plataformas o próximo 8 de marzo e xa se pode escoitar un adianto en onosocanto.gal
A Xunta de Galicia lanza este luns a súa campaña con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres: O noso canto: todas xuntas resoamos máis forte. Trátase dun proxecto cultural único no que se reúnen máis de 30 artistas galegas e un equipo de produción composto na súa totalidade por mulleres para dar visibilidade á forza interxeracional do feminismo a través dun único sentir: a igualdade de xénero real e efectiva.
O Goberno galego emprega a música como ferramenta para transmitir a importancia da unión de todas as mulleres para seguir avanzando cara a unha Galicia cada vez máis igualitaria. O noso canto, composta por Belém Tajes, xorde da unión de dúas cancións, "Aperta" e "Latexo", que, baixo diversos estilos e interpretadas por distintas xeracións, ao se fundiren transmiten unha mensaxe clara: “Todas xuntas resoamos máis forte”.
Dúas cancións nun único sentir: a igualdade de xénero
Latexo está protagonizada por artistas emerxentes e sons de pop experimental, coas voces principais de Yoly Saa e Sabela Ramil, e a participación coral de Nastashia Zürcher, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, Leticia Rey, Icía Varela, Sara Nebra, Claudia Abril, Ana Moas, Sara Gimeno. A elas súmanse as voces brancas de Amelia, Aitana, Aroa, Celtia, Grecia e María. Belém Tajes, a creadora da composición, participa tamén nos sintetizadores e recitado inicial.
Aperta conta coas voces consolidadas de Rosa Cedrón, Uxía Senlle e Lucía Pérez e os sons de pop folk que lle proporcionan Caamaño&Ameixeiras (acordeón e violín), Bea Martínez (arpa céltica), Anaïs Barbier, María Jorge, do grupo Caldo (pandeireta e violín), e catro das integrantes de Adufeiras de Salitre (Bea Mariño, Carolina Vázquez, Iria López e María Pardo).
O proxecto conta coa colaboración especial de Genara Méndez, unha das cantareiras de referencia da cultura tradicional galega, en representación de todas as mulleres que serán homenaxeadas o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Lanzamento o próximo 8M: “Todas xuntas resoamos máis forte”
O noso canto nace co obxectivo de converterse nun símbolo da unión interxeracional do feminismo e poderase escoitar ao completo en todas as plataformas a partir do vindeiro 8 de marzo.
Entrementres xa se pode gozar dun adianto a través das redes sociais (@igualdadegalicia) e a páxina web onosocanto.gal, onde tamén están dispoñibles "Latexo" e "Aperta", as dúas pezas que ao fundirse conforman esta canción colectiva creada integramente por mulleres para toda a sociedade galega.