O papa continúa coa fisioterapia motora e o tratamento sen ventilación mecánica
A Santa Sé sinala que Francisco pasara unha noite "tranquila" ao cumprir a súa terceira semana ingresado no hospital Gemelli de Roma polos seus problemas respiratorios

O papa Francisco continúa este xoves coa fisioterapia motora e o seu tratamento con terapia de osíxeno a altos fluxos, despois de que se lle retirase a ventilación mecánica non invasiva utilizada durante a noite, indicaron fontes vaticanas.
"Tras espertar, o papa continuou coas súas terapias, incluída a fisioterapia motora activa. Como estaba previsto, tras a ventilación mecánica non invasiva durante a noite, pola mañá volveu á osixenación de alto fluxo co uso de cánulas nasais", explicaron.
Á primeira hora, a Santa Sé informara de que Francisco pasara unha noite "tranquila" e estaba descansado ao cumprir a súa terceira semana ingresado no hospital Gemelli de Roma polos seus problemas respiratorios.
Segundo o último parte médico, publicado este mércores, o papa arxentino mantense "estable", non sufriu novas crises respiratorias como as do pasado venres e empezou a fisioterapia motora, aínda que "en consideración á complexidade do seu cadro crítico, o prognóstico permanece reservado".
O pontífice, de 88 anos, atópase ingresado desde o pasado 14 de febreiro por mor dunha pneumonía bilateral e outros graves problemas respiratorios. A súa pneumonía continúa coa súa "evolución normal" pero os médicos insisten en que esta estabilidade debe entenderse dentro da "complexidade" do seu caso, subliñaron onte á noite fontes vaticanas.