O paro baixa en 33.512 persoas no segundo mellor novembro da historia
O paro baixa en 33.512 persoas no segundo mellor novembro da historia
O número total de desempregados situouse ao finalizar novembro en 2.881.380, a súa menor cifra nun mes de novembro desde 2007
O paro descende en Galicia en 962 persoas
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 33.512 persoas en novembro en relación ao mes anterior, o seu segundo maior retroceso neste mes dentro da serie histórica tras o experimentado en 2021 (-74.381 desempregados). O emprego caeu levemente, con 155 afiliados menos de media, o cal mantén o total en 20.283.631 millóns de ocupados.
Tras esta caída, impulsada sobre todo polo sector servizos, o número total de desempregados situouse ao finalizar novembro en 2.881.380, a súa menor cifra nun mes de novembro desde 2007, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
Novembro é un mes no que adoita subir o desemprego. Desde o inicio da serie histórica comparable en 1996, o paro aumentou en 21 meses de novembro e baixou en seis. O deste ano foi o segundo descenso máis acusado tras o de 2021, ano marcado pola pandemia. En termos desestacionalizados, o paro rexistrado diminuíu en novembro en 61.595 persoas.
No último ano o desemprego acumula un descenso de 301.307 parados, o que supón un 9,5 % menos, cun retroceso do paro feminino de 160.698 mulleres e unha caída do desemprego masculino de 140.609 homes.
En canto ás cifras de afiliación, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións sinalou que o dato de novembro mellora a media de 37.000 ocupados menos para ese mes de 2017-2019, aínda que é peor que o do ano pasado, cando o emprego avanzou en 61.768 persoas.
O Goberno está satisfeito cos datos. Sobre todo, din, tendo en conta o contexto económico internacional.
O paro descende en Galicia en 962 persoas
O paro descendeu en Galicia en novembro en 962 persoas, un 0,67 %, ata 142.758 desempregados, mentres que o emprego caeu levemente, un décima, 1.093 empregados menos, ata 1.047.608 ocupados.
O paro descendeu en todas as provincias galegas en novembro, excepto na Coruña, onde subiu en 24 desempregados máis, e por sectores tamén aumentou na agricultura, a construción e o colectivo sen emprego anterior.
O empuxe do sector servizos mantén á baixa o desemprego, con 865 desempregados menos en novembro, mes no que tamén se reduciu o paro na industria, con 227 parados menos.