O Pescados Rubén Burela logra a súa sétima Copa Galicia
O Pescados Rubén Burela logra a súa sétima Copa Galicia
Levanta o seu terceiro título da tempada: Supercopa, Copa da Raíña e Copa Galicia
As de Julio Delgado bateron a un bo Marín por 1-5
O Pescados Rubén Burela FSF derrotou ao Ence Marín (1-5) na final celebrada en Noia e levantou a súa sétima Copa Galicia. O conxunto mariñán logrou así o terceiro título da tempada, tras a consecución da Supercopa e a Copa da Raíña.
O equipo que prepara Julio Delgado, que segue completando unha excepcional campaña e tentará coa liga completar o póker, tivo que empregarse a fondo para tombar a un orgulloso Marín, que foi un digno finalista.
Antía adiantou ao Burela no minuto 8, cun gol que premiaba o dominio do Pescados Rubén, e co 0-1 chegouse ao descanso. Á volta de vestiarios, Dany marcou pronto o 0-2. O segundo tanto non significou a sentenza do duelo polo extraordinario partido da porteira marinense, a internacional Silvia Aguete, elixida como mellor xogadora do encontro. A exburelista Ale de Paz sementou dúbidas sobre o resultado ao lograr o 1-2 no minuto 26.
Na recta final do duelo, o conxunto burelense decantou definitivamente o choque. Peque, á media hora, Emilly Marcondes, no minuto 35, e Patricia Ortega, a dous minutos para o final, desequilibraron a balanza para as "guerreiras laranxas".