A sexta vaga será a última seria, segundo o físico da Uvigo Humberto Michinel
A sexta vaga será a última seria, segundo o físico da Uvigo Humberto Michinel
O investigador da Universidade de Vigo está facendo un seguimento da pandemia desde o inicio
Asegura que o virus está quedando sen combustible entre vacinados e contaxiados coa ómicron
Os expertos coinciden en que estes días acadamos o pico da sexta onda, dominada pola variante ómicron. O físico da Universidade de Vigo, Humberto Michinel, que está facendo un seguimento da pandemia desde que comezou, cre que o descenso será rápido e afirma que esta será a ultima vaga seria, porque o virus está quedando sen combustible.
O profesor de Física da Universidade de Vigo, Humberto Michinel, explicou no programa Bos Días, que esta semana se rexistrou un falso pico de contaxios provocado por un cambio no rexistro dos datos de infectados. Asegura que este pico chegará nos próximos días e que os contaxios da variante ómicron caerán igual de rápido que subiron.
"O esperable é que haxa un descenso moi agudo dos casos da variante ómicron pero seguirá de fondo a onda de casos da delta, tamén presente. Polo tanto, a composición das dúas ondas o que indicará será unha tendencia nun determinado momento a un descenso brusco e pode que haxa unha tendencia de descenso non tan brusco"
Este físico, que leva dous anos monitorizando a pandemia, cre que, salvo sorpresas, esta será a ultima onda seria, polo menos no tocante a falecementos e casos graves. Explica que o virus está quedando sen o combustible que precisa para estenderse porque, entre os contaxios masivos da ómicron e os altos indices de vacinación, cada vez hai máis xente inmunizada.
"Podería ser que houbese outras variantes que tivesen outros efectos pero a tendencia do virus ata o de agora é a maior trasmisibilidade e menor viralidade polo tanto o esperable sería que esta fose a ultima onda seria"
E para evitar novas variantes é imprescindible que as vacinas cheguen a todos os países, non só aos desenvolvidos.