O Poio forza o terceiro partido na semifinal polo título
O Poio forza o terceiro partido na semifinal polo título
As locais vencen (3-0) e a eliminatoria resolverase en Vistalegre
O partido que enfrontaba o Burela co Poio comezou dende o primeiro intre coa intensidade propia de dous equipos que estaban a xogalo todo. O pavillón da Seca estaba listo para vivir unha semifinal que mantiña aires de final. A primeira metade resolveuse cun único tanto, pasado xa o ecuador, cando a gardarredes local, Elena, filtraba un pase que Ale de Paz remataba co calcaño.
O descanso acolleu a ambos equipos coa vantaxe para as locais, que estaban a forzar o terceiro encontro. Polo outro lado do cadro, o Atlético Navalcarnero vencía e enviaba a eliminatoria a ese mesmo sino.
Á volta de vestiarios as visitantes mantiveron unha intensidade maior que tivo ao Poio tratando de defenderse durante boa parte do segundo tempo. Varias ocasións claras para o Burela parecían indicar que o empate estaba máis preto cada vez. Pola contra, foron as locais quen, da man outra vez de Ale de Paz, conseguiron anotar e poñerse a menos de dez minutos para o final cunha renda de dous goles. Minutos despois, co Burela botado en campo rival, un balón longo de Elena dende a súa portería caería nos pés de Laura Uña, quen definiría a pracer poñendo un definitivo tres a cero.
Mediante esta vitoria o Poio forza o terceiro partido da eliminatoria. O último encontro, esta semana no pavillón de Vistalegre.