O PP acusa o PSOE de comportarse como unha mafia no caso Koldo
Na sesión de control ao Goberno no Senado, os populares pedíronlles explicacións pola suposta festa de Ábalos no parador de Teruel
O caso Koldo centrou boa parte da sesión de control ao Goberno no Senado. Os populares acusaron os socialistas de comportarse como unha mafia e pedíronlles explicacións pola suposta festa de Ábalos no Parador de Teruel e o rescate de Air Europa.
"O rescate de Air Europa conecta todas as súas tramas, con Begoña, con Ábalos e compañía e con Sánchez no centro. Non nos van parar nin as súas mentiras nin as súas ameazas", dixo a senadora do PP Alicia García.
"Vostede di que o rescate non é impoluto. Pois eu afirmo que non hai nada nos extractos que coñecemos do informe da UCO que indique que o rescate de Air Europa é irregular", respondeulle a vicepresidenta María Jesús Montero.
"Teñen escándalos por corrupción, sexo e agora impoñen a lei do silencio. En que momento pasaron de ser un partido político a ser unha mafia?", insistiu a senadora popular Enma Buj.
"Se pensan que con esta campaña tóxica me van dobregar é que non me coñecen. Se algo aprendín nestes días, é que manteño a cabeza alta e non dou nin un paso atrás", afirmou a voceira do Goberno, Pilar Alegría.