Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alxeria convoca o seu embaixador en Madrid tras o xiro de España respecto ao Sáhara

Alxeria convoca o seu embaixador en Madrid tras o xiro de España respecto ao Sáhara

A oposición vai pedir a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso

Núñez Feijóo fala de temeridade e avisa de prexuízos para España

G24.gal 19/03/2022 14:22 Última actualización 19/03/2022 18:20

A decisión de Alxeria prodúcese só un día despois de que Marrocos difundira a carta de Pedro Sánchez na que afirmaba que o proxecto de autonomía marroquí é "a base máis seria, realista e crible para a resolución do contencioso".

O Goberno español aínda antes de pechar o conflito con Marrocos acaba de abrir outro con Alxeria, o país que lle subministra a España case a metade do gas que consome e co que a colaboración en materia de inmigración irregular é case tan necesaria coma con Marrocos.

Fontes diplomáticas do país norteafricano cualificaban a postura do executivo español como unha "segunda traizón histórica" ao pobo saharauí.

O cambio de posición do Goberno español sobre o Sáhara Occidental centra a axenda política deste sábado. Desde o Goberno, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, destaca o compromiso marroquí na loita contra a inmigración ilegal.

 "Imos ter unha boa relación con Marrocos, estable, unha relación na que Marrocos se compromete a colaborar contra as mafias de trata de persoas, contra a inmigración ilegal, e iso é importante, que nestes momentos consigamos estabilidade porque o mundo precisa de acordos, de colaboración entre países", asegura.

Tamén se referiu a este asunto o presidente da Xunta, que segue recadando apoios para presidir o Partido Popular. Desde Valladolid, Alberto Núñez Feijóo fala de temeridade e de falta de respecto aos españois, que souberon deste cambio de posición por un comunicado do Goberno de Marrocos.

"Un cambio drástico na política exterior non pode ser decidido por un Goberno e menos por un partido, correr o risco de dar un volantazo sen o apoio suficiente é unha temeridade (...). Os prexuízos para España poden ser moi altos e conclúo, non admitiremos ningunha ambigüidade sobre Ceuta e Melilla", considera.

Mentres os partidos políticos e a prensa marroquí mostran a súa satisfacción, para a Fronte Polisario o apoio do Goberno español a Marrocos lexitima a represión ao pobo saharauí. En Galicia, a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí acusa a Pedro Sánchez de traizón.

"Non entendemos para nada o que busca Pedro Sánchez e o seu ministro Albares con esta posición de entreguismo pero o máis indignante e indecente politicamente falando é que non só se venden eles, senón a traizón que lle fan a España", subliña.

O martes haberá unha reunión co delegado para España da Fronte Polisario na que se decidirán as mobilizacións de protesta contra este cambio histórico do Goberno español sobre o Sáhara Occidental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade