O PP insta a continuar co "clamor" contra a amnistía de xeito cívico e pacífico
O PP insta a continuar co "clamor" contra a amnistía de xeito cívico e pacífico
Feijóo e os líderes territoriais participarán nas concentracións deste 12-N
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estará na protesta de Pontevedra
O Partido Popular asegura que toda España é un "clamor" contra a amnistía e anima a participar nas concentracións convocadas para este domingo, de xeito pacífico e cívico. Os populares acusan a Pedro Sánchez de poñerse á fronte do independentismo catalán para perpetuarse no poder.
Todos os baróns do Partido Popular animaron a participar nas protestas contra a amnistía que se van celebrar este domingo por toda España. O líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, estará na de Madrid xunto á presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso.
En Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda participará na de Pontevedra, e na Coruña estará o vicesecretario de Organización Territorial, Miguel Tellado. A secretaria xeral, Cuca Gamarra, protestará en Logroño e o coordinador xeral, Elías Bendodo, estará na concentración de Málaga.
"Firmeza e moderación perante os excesos duns nas concentracións que se convocan e os desvaríos doutros cos acordos que están facendo e sobre todo o rexeitamento máis absoluto ao pacto da vergoña", asegura Bendodo.
"Mostrando que non vale todo, non? Amosando que os galegos estamos preocupados por como nos van afectar estes pactos", di Xulio García Comesaña dende Galicia.
Os líderes do partido reiteraron as súas críticas aos acordos asinados nos últimos días polo PSOE, con Junts e tamén co PNV.
"É un acordo asinado en papel de 'clinex'", considera Javier de Andrés, do PP vasco.
"A amnistía non é o final do proceso, é o comezo dun novo", subliña Alejandro Fernández dende Cataluña.
"Se hai un independentista neste país é Pedro Sánchez, e se hai un servidor do independentismo neste país é Pedro Sánchez", estima Carmen Fúnez.
En todas as concentracións se vai ler un manifesto onde se afirma que España é un clamor pola igualdade, a xustiza e a convivencia, e contra a impunidade e a amnistía.