Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rácing Vilalbés vence o Coruxo e mantén a esperanza

O Rácing Vilalbés vence o Coruxo e mantén a esperanza

Grazas a esta vitoria a permanencia decidirase na última xornada

G24.gal 28/04/2024 16:41

Os locais aproveitaron a súa pegada nun partido con poucas ocasións para sacar os tres puntos. Pola súa banda, o Coruxo non foi quen de afondar en ataque e viuse lastrado pola efectividade dun Rácing Vilalbés para o que era unha cuestión de vida ou morte. 

Derbi galego na Magdalena que enfrontaba ao Rácing Vilalbés e ao Coruxo. Os locais xogábanse manter as súas opcións de salvación ou afundirse definitivamente, mentres os visitantes estaban practicamente salvados sen case opcións de meterse na promoción. A primeira parte foi trabada e sen moitas ocasións para ningún dos dous equipos. A máis clara chegaría nun balón parado a favor do Vilalbés que, tras un primeiro remate que rechazaría o porteiro visitante, acabaría en gol. O árbitro asubiou fóra de xogo e anulou o tanto, cando parecían que non existía posición antirregulamentaria. 

Despois do descanso os locais imprimirían máis ímpeto para intentar levar o partido. Así chegaría, tamén a balón parado, o seu primeiro gol no minuto 65. Córner dende o lado dereito que tras varios rebotes cae nos pés de Nathan Nicholas e este envía o balón ao fondo da rede. Pouco despois, nun balón longo que parecía un despexe do meta local, aparecería Javi Rey para baixar a pelota con música e definir con moita calidade diante do porteiro. 

O resultado final sería ese, 2-0 para o Rácing Vilalbés, que lle dá vida para seguir soñando coa salvación. Agora mesmo con 37 puntos atópase a dous do Marino de Luanco(que ocupa a praza do playout) e a tres da Ximnástica Torrelavega. Xogará todo ou nada a semana que vén en Pasarón ante o Pontevedra.  Pola súa banda, o Coruxo con 42 puntos está matematicamente salvado, e pechará a competición no Vao ante a susodita Ximnástica Torrelavega. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos