O Fabril encadea a terceira vitoria consecutiva e mira cara a arriba
O Fabril encadea a terceira vitoria consecutiva e mira cara a arriba
Un gol solitario de Nsongo abondou para derrotar o Guijuelo en Abegondo
O Fabril volveu gañar. Fíxoo por terceira xornada consecutiva, desta volta en Abegondo diante dun Guijuelo en crise, e aséntase na zona alta da clasificación.
Na primeira metade viviuse unha loita pola posesión do balón, que foi gañando aos poucos o Fabril, pero o ritmo quedaba constantemente interrompido. Aos 15 minutos producíase a lesión do xuvenil Pablo García, que levou un golpe na faciana nun balón dividido e non puido continuar, substituído por Samu. Logo das primeiras exploracións, o club informaba dunha lesión no pulso e outra na clavícula. O Fabril foi inclinando o campo cara á área de Johan, por onde se paseou un centro de Alfaro, antes dun disparo de Marotías que tocou en Hugo Villaverde que parou o porteiro. Outra vez había que parar porque ao porteiro desprendéronselle os tacos traseiros e tivo que cambiar de botas.
Logo da media hora ía chegar o primeiro tanto nun saque desde o curruncho. Unha acción de estratexia que Nsongo foi quen de rematar a gol, aínda que estaba agarrado no inicio da xogada.
No treito final o Guijuelo buscou o empate cunha cabezada que marchou desviada, e Guerrero tivo o segundo nun balón en profundidade que rematou moi cruzado.
Na segunda parte o Guijuelo, que atravesa unha delicada situación clasificatoria, botouse cara arriba, pero non conseguiu inquietar a Alberto ata a hora de partido, cando Pana e Carmona tiveron unha dobre ocasión que non atinaron a culminar. O Fabril tamén buscaba as súas, e Hugo Villaverde tivo a máis clara asistido por Luisao, pero rematou alto na boca do gol. Os últimos minutos foron de dominio do Guijuelo que, malia a isto, non foi quen de efectuar ningún remate de perigo sobre a portería de Alberto. Terceiro triunfo consecutivo do Fabril, desta volta ás ordes de David Lagar.