O Rácing volve caer en Oviedo (3-0) e suma once xornadas sen gañar
Colombatto, Nacho Vidal e Viñas deixaron tres puntos importantes para os asturianos na loita polo ascenso
O Rácing acumula dez derrotas nos últimos once partidos e leva 719 minutos sen marcar
Ao Rácing non lle sae nada nesta temporada. A Oviedo viaxou cun nutrido grupo de afeccionados, disposto a rematar cunha serie de dez xornadas sen gañar, e de acadar un triunfo do que poder presumir diante da realidade que o aboca ao descenso. Pero, unha semana máis, non puido acadar nada positivo.
O partido do Tartiere comezou cos dous equipos tomando posicións, e avisando a balón parado. Unha falta sacada por Cazorla, e senllos envíos á área do Rácing que non atoparon rematador. O primeiro remate entre paus foi para o Oviedo, por medio de Sebas Moyano. Respondeu Jesús Ruiz cun paradón. E, no minuto seguinte, era Alemao o que rematabo arriba no man a man.
O Rácing estirouse pouco despois, cunha internada de Señé, que puxo un centro moi pechado. Despexou Aarón Escandell. O treito final da primeira metade rexistrou varios achegamentos máis dos locais, pero o marcador non se moveu antes do descanso.
Na segunda metade, o Oviedo aproveitou a primeira ocasión cvlara que tivo. Foi aos dez minutos, cando Sebas Moyano serviu un centro desde a esquerda, e Colombatto cabeceou para facer o seu cuarto gol da temporada. O Rácing seguiu buscando o seu gol coa súa mellor arma, o balón parado. E así dispuxo dun envío que Buñuel non atinou a rematar entre os paus. Tampouco Jáuregui, que recibiu un balón en profundidade e picouno contra o pau, aínda que a xogada quedou anulada por fóra de xogo. Non houbo posición adiantada no 2-0, logo dun remate de Nacho Vidal con dous compañeiros na traxectoria do balón. Buñuel quedou enganchado e habilitou a estes dous xogadores, segundo determinou a revisión da xogada.
E aínda quedaba tempo para un terceiro gol dos locais. Marcouno Fede Viñas, logo dun envío desde a dereita. O seu primeiro gol, e o que pechaba unha goleada que afonda na ferida do Rácing. Un Räcing que aínda buscou un gol para pechar unha seca de 719 minutos, os que acumula sen marcar. Pero ese gol tampouco chegou no Tartiere.