O Compostela golea en Laredo (0-3) e achégase á zona de salvación
O triunfo no campo do cabeiro é o segundo consecutivo dos de Secho
O Compostela aférrase ás súas opcións de salvación. No campo do pechacancelas, o Laredo, non fallou, e sumou un triunfo que o devolve de cheo na pelexa pola salvación. É, ademais, a segunda vitoria consecutiva, sumada ao empate da estrea de Sechu, que aínda non coñece a derrota, como técnico.
O triunfo en Laredo cementouse cun gol de Markitos mediada a priemira metade. O extremo cedido polo Arenteiro está a ser un xogador diferencial, e acumula xa 4 tantos desde a súa chegada no mercado invernal. Del foron, ademais, un remate anterior detido polo porteiro local, e outro despois que rexeitou o traveseiro. Coa vantaxe mínima dos santiagueses, grazas a un paradón de Rabanillo nos minutos finais, chegouse ao tempo de lecer.
Na segunda metade o Compostela saíu disposto a conservar a súa renda, sen renunciar a acadar algún gol máis que evitara o sufrimento da anterior xornada contra o Salamanca. E chegou axiña. Aos seis minutos, Pablo Antas ampliaba a diferenza e despexaba as pantasmas do camiño santiagués.
Aínda quedaba un terceiro gol, marcouno Santi de Prado no minuto 91 para certificar un triunfo que, sumado aos outros resultados da xornada, deixa momentaneamente á SD Compostela a so dous puntos da zona de salvación.