Un Bergantiños en inferioridade perde nas Eiroas co Langreo, rival directo (1-2)
O cadro galego mereceu moito máis, diante dun conxunto que acadou dous goles e botouse atrás
O Bergantiños puido remontar pero, desta volta, non tivo sorte de cara ao gol
O Bergantiños perdeu diante do Langreo, que aproveitou dous goles nas súas dúas ocasións máis claras e limitouse a defender a renda diante dun rival que quedou con dez por culpa dunha rigorosa expulsión de Remeseiro pouco antes do descanso.
O Bergantiños achegouse máis a balón parado no treito inicial, pero o primeiro remate, desviado por pouco, foi de Antañón nunha rápida acción de ataque. Máis perigo tivo primeiro achegamento do Langreo. Foi nun saque de banda no minuto 10, que centrou Iván Breñé dese a esquerda, e rematou Guerrero ao fondo da portería de Santi Canedo.
Sorprendía o Langreo no inicio, e o resto da primeira metade seguiu un guión semellante, co Bergantiños creando algunhas accións de perigo a balón parado, e nas botas de Antañón, que gozou dun dobre remate que culminou con outro fóra de Álvarez.
E, despois dun par de remates desviados máis, chegaba unha acción determinante no partido. Producíase no centro do campo, cando Remeseiro levantaba o pé nunha entrada a Juan López. O capitán galego non chegou a impactar con claridade no seu rival, pero o árbitro amosoulle o cartón vermello directo, deixando con 10 ao Bergantiños para o resto do partido.
Malia á inferioridade, o Bergantiños saíu polo partido na segunda metade, dominou a posesión e tamén pisou campo rival, pero o Langreo agardou atrás e, outra vez á primeira que tivo, fixo dano. Foi nunha contra que lanzou Guerrero, asistiu Juan López e culminou Breñé cun disparo axustado.
Malia a esta segunda labazada, o Bergantiños tivo outras dúas claras ocasións de xeito case consecutivo, primeiro por medio de Antañón, e despois cunha cabezada de Omar á escuadra. Pero o gol non chegaba e os minutos foron pasando ata que, no 63, unha boa combinación entre Antañón e Tijan permetiulle a este sacar o centro que rematou de primeiras Pachón para acurtar diferenzas. Quedaba case media hora, e o partido estaba totalmente aberto. Neses minutos, Omar foi o futbolista máis incisivo dos locais, cun par de remates que marcharon desviados. O Langreo non renunciaba á sentencia, e estivo a piques de acadala nun centro para Cueto que, totalmente so, rematou fóra.
No tempo engadido, de seis minutos, chegaron máis accións claras para o Bergantiños, que meteu atrás ao Langreo e puido empatar por medio de Kensly, cun remate ao pau, e de Pachón, xusto antes de que o árbitro indicara o final do partido. O Bergantiños mereceu moito máis, pero acabou perdendo cun rival directo que o supera na táboa, deixándoo na sétima praza.