O reto de futuro da intelixencia artificial pasa pola aplicación á robótica
O reto de futuro da intelixencia artificial pasa pola aplicación á robótica
O debate está nos usos e os límtes aos avances tecnolóxicos
"Ola, son Sara, promotora de saúde dixital. Quero que todo o mundo leve unha vida máis sa".
Mellorar a nosa saúde é posible grazas a aplicacións coma esta, impulsada pola Organización Mundial da Saúde.
"Practicas algún deporte ou actividade física regularmente? Correr é unha excelente opción", traslada o avatar.
Os avances da intelixencia artificial tamén nos facilitan a mobilidade ou mesmo a posibilidade de escoller un estilismo de moda, como ofrece a multinacional Inditex.
"Estas vendo unha peza pola web e suxíreche outras distintas para completar un estilismo. Tamén o utilizamos na parte de distribución e loxística que nos permite decidir que tipo de pezas e a que tendas e lugares do mundo levalas no momento axeitado", explica Silvia Ferreira, responsable de Analytics de Inditex.
En España, só un 35 % das empresas conta con departamentos específicos. O reto pasa por incorporar talento novo e ampliar os servizos ás pequenas e medianas empresas.
"É importante desenvolver ecosistemas coma o que existe na Coruña con centros de investigación coma o CITIC ou como as cidades das TIC, onde podemos ter esas empresas máis pequenas convivindo co talento universitario", di Amparo Alonso Betanzos, catedrática da UDC.
Os expertos avanzan cambios profundos nos próximos anos, e falan dunha xeneralización dos robots.
"A robótica de coidados para persoas que necesitan unha asistencia na casa que ao mellor non podemos estar dando de xeito persoal todo o tempo, pero que si que nos pode axudar moito a presenza de robots. É a robótica asistencial", avanza Amparo Alonso Betanzos, Catedrática da UDC.
O debate está en poñerlle límites a esta realidade. É a misión que ten por diante a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, con sede na Coruña.