O sector do transporte por estrada analiza os retos da moblidade sostible
O sector do transporte por estrada analiza os retos da moblidade sostible
Preocupa que a venda de coches eléctricos non estea tendo a resposta que se agardaba
A descarbonización é o maior reto que afronta o sector do transporte por estrada. Nun encontro en Santiago os empresarios analizan esa transición cara a unha mobilidade sostible. Saben que a meta é innegociable, pero piden que no camiño se teña en conta a realidade das empresas.
Rafael Barbadillo é presidente da Confederación Española de Transporte en Autobús explica que "en 2030 o 90 por cento dos vehículos que se matriculen para facer servizos de transporte urbano teñen que ser eléctricos e en 2035 xa o cen por cento. É un cambio tecnolóxico tan radical e tan grande que sen apoio económico ou incentivos fiscais vai ser moi difícil que o sector o poida cometer por si só".
Di que a incerteza é maior no transporte interurbano. Non teñen tecnoloxía, nin vehículos nin infraestrutura. A mesma preocupación amosan os transportistas de mercadorías, que piden seguridade xurídica.
Como di o secretario xeral da Federación Galega de Transporte de Mercadorías, José Carlos García Cumplido, "sobre todo dicirlle ao empresario, vostede vaia por este camiño que non se vai equivocar. Porque o maior problema que temos é facer un investimento grande e pasado mañá digan. Non. Non imos electrificar porque imos ir polo hidróxeno. E que fago eu cos camións que acabo de mercar?".
Preocupa que a venda de coches eléctricos non estea tendo a resposta que se agardaba. Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia cre que "haberá que sensibilizar a sociedade pero tamén haberá que poñer as infraestruturas necesarias"
Reclaman, por exemplo, unha rede competitiva de puntos de recarga e maiores incentivos económicos para o cambio a unha mobilidade máis verde.