Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Senado aproba definitivamente a Lei de memoria democrática

O Senado aproba definitivamente a Lei de memoria democrática

A lei recibiu 128 votos a favor, 113 en contra e 18 abstencións

G24.gal 05/10/2022 19:07

 O pleno do Senado aprobou este mércores a Lei de memoria democrática, que reforza o compromiso do Estado na procura de desaparecidos da Guerra Civil e o franquismo e abre a porta a estudar posibles vulneracións de dereitos humanos entre 1978 e finais de 1983.

A lei impulsada polo Goberno do PSOE e Unidas Podemos recibiu 128 votos a favor, 113 en contra e 18 abstencións, tras un debate de cinco horas con reproches cruzados entre a esquerda e a dereita.

O texto non incorporou ningunha modificación respecto ao aprobado o pasado 14 de xullo no pleno do Congreso dos Deputados, polo que non terá que volver á Cámara Baixa.

A Lei de memoria democrática, que derrogará a de memoria histórica, aprobada en 2007 durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, entrará en vigor proximamente, tras a súa publicación no BOE.

As claves da lei

A lei recentemente aprobada dá un paso máis ao establecer de forma expresa que a procura das ao redor de 114.000 persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura corresponderá á Administración Xeral do Estado, sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas.

Para iso, o Estado elaborará un mapa de localización de persoas desaparecidas e creará un banco estatal de ADN de vítimas da Guerra Civil e a ditadura para poder comparar perfís xenéticos na identificación de restos.

Ademais, a lei declara ilegal tanto o réxime franquista como os tribunais franquistas, así como a nulidade de todas as súas condenas, e amplía a definición de vítimas ao incluír a persoas LGTBI, os nenos adoptados sen consentimento dos seus proxenitores e as linguas e cultura vasca, catalá e galega, entre outros casos.

Aínda que non derroga a Lei de amnistía de 1977, establece tamén que todas as leis españolas se interpretarán e aplicarán de conformidade co Dereito Internacional, especialmente o Dereito Internacional Humanitario, "segundo o cal os crimes de guerra, de lesa humanidade, xenocidio e tortura teñen a consideración de imprescritibles e non amnistiable".

Doutra banda, a lei contempla a creación dun inventario estatal de lugares de memoria democrática entre os que estará o Val dos Caídos, que pasará a denominarse Val de Cuelgamuros e terá un novo marco xurídico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade