Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo rexeita que os empregados estean obrigados a facilitar correos persoais

O Supremo rexeita que os empregados estean obrigados a facilitar correos persoais

A Audiencia Nacional deu a razón aos sindicatos e declarou contraria ao dereito a práctica patronal de requirir a poñer á disposición o correo electrónico persoal

G24.gal 18/12/2024 10:03

Nunha sentenza datada o pasado 27 de novembro, a Sala do Social desestimou o recurso da empresa de atención telefónica Global Sales Solution contra un ditame da Audiencia Nacional de xuño de 2022.

O sindicato CCOO presentou en 2022 unha demanda de conflito colectivo, á que posteriormente se sumaron CIG, CSIF, USO e UXT, sobre a obrigación dos empregados de facilitar á empresa un enderezo de correo persoal e sobre determinadas cláusulas dos contratos de teletraballo, que obrigan os traballadores a facilitar ese enderezo de correo.

A Audiencia Nacional deu a razón aos sindicatos e declarou contraria ao dereito a práctica patronal de requirir a poñer á disposición o correo electrónico persoal en determinadas actuacións ou operativas da relación laboral, así como a cláusula do contrato de teletraballo porque obriga o traballador a poñer á disposcición da empresa o correo persoal.

Así mesmo, ditaminou que a empresa debía poñer á disposición dos empregados con réxime de traballo a distancia unha conta de correo corporativo onde xestionar baixas, libranzas e outras cuestións, xa que ata ese momento só dispoñían de correo corporativo os traballadores de estrutura e as seccións sindicais.

O Supremo lembra agora que en marzo de 2020, ao comezo da pandemia de coronavirus, a empresa comezou a subscribir cos seus traballadores acordos de teletraballo nos que era obrigatorio indicar un enderezo de correo electrónico; desde esa data, o 80 % do persoal está en teletraballo.

A Sala avala o criterio da Audiencia Nacional, e destaca que se a empresa ten unha ferramenta que puxo á disposición duns e non doutros, "sendo a mesma necesaria para certas xestións e actividades", non cabe discriminar uns traballadores fronte a outros.

O centro de traballo foi obxecto dun ataque informático que provocou que moitos dos correos electrónicos dos traballadores, que eran os seus particulares, se contaxiaran dun virus.

O Supremo atendeu tamén outra das pretensións da demanda dos sindicatos, relativa ás dificultades para comunicarse co persoal, xa que lles impuxo unha ferramenta informática con contido limitado, que os maxistrados cualifican de "obstaculizadora por insuficiente ou indebida".

O Tribunal Supremo ratificou unha sentenza da Audiencia Nacional que rexeita que os traballadores teñan que facilitar os seus enderezos persoais de correo á empresa, que debe proporcionar correos corporativos para cuestións relacionadas con quendas, xornadas ou libranzas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade