O temporal no litoral deixa refachos de 150 km/h e reactiva o aviso laranxa este mércores
O temporal no litoral deixa refachos de 150 km/h e reactiva o aviso laranxa este mércores
O mar combinado mantén amarrada boa parte da frota pesqueira
O aviso nas Rías Baixas será amarelo
A chuvia e o vento que afectaron tamén o interior de Galicia remiten este mércores
Pouco tardou en asomar o primeiro temporal de 2024. No litoral, ondas de ata 6 metros e ventos moi fortes. 150 quilómetros por hora acadou un refacho na Mariña, 129 outro en Cedeira e a 111 correu o aire por Fisterra. Os barcos, amarrados e baixo estrita vixilancia.
"Amarralos ben e veña meterlles boias e cabos e a facer garda. Onte estivemos aquí ata as catro da mañá mirando para eles por se acaso non aguantaban", explica un armador en Muxía.
E lonxe de mellorar, a cousa empeora. Durante o mércores permanecerá activado o aviso laranxa por mar combinado en todo o litoral, agás nas Rías baixas, onde será amarelo.
"Non saimos, nin hoxe nin mañá", explica o tripulante dun pesqueiro no porto da Coruña".
"Non está a cousa como para andar por aí afora", explican desde un barco.
Os profesionais do mar téñeno claro.
"O mar hoxe, cero. Aquí na Costa da Morte xa nada, pero noutros sitios, parecido, pola forza do vento", explican nun bar do porto de Muxía".
E o que é perigo para uns é espectáculo para outros.
"As ondas acadan unhas dimensións bastante importantes. Nós contentos porque forma parte do clima típico de aquí", conta unha turista.
Polo de agora o primeiro temporal costeiro do ano non deixa incidencias salientables.