O xefe do Exército ucraíno apela á unidade no segundo aniversario da guerra
O xefe do Exército ucraíno apela á unidade no segundo aniversario da guerra
Deu as grazas a toda a tropa, ao voluntariado e á poboación civil que fixeron posible seguir loitando contra a invasión rusa
O xefe do Exército ucraíno, Oleksandr Sirski, apela á "unidade" de toda a poboación para conseguir "a vitoria" sobre Rusia, nunha mensaxe publicada na súa canle de Telegram co gallo do segundo aniversario do comezo da guerra.
No texto, lembra que ao principio pouca xente cría nas posibilidades de resistencia de Ucraína e prognosticaban unha derrota en poucos días.
"Hoxe, máis que nunca, necesitamos unidade. Estou convencido de que a unidade é a nosa vitoria".
O mando militar, que asumiu o cargo este mes en substitución do xeneral Valeri Zaluzhni, deu as grazas a toda a tropa, ao voluntariado e á poboación civil que fixeron posible seguir loitando contra a invasión rusa e amosou os seus respectos ás persoas falecidas en combate.
"Os mellores fillos e fillas de Ucraína están a morrer", dixo sobre "o prezo supremo pola liberdade" que está a pagar o país.
Repasou o curso da guerra e recoñeceu que a contraofensiva do pasado verán non trouxo "os resultados desexados" para Ucraína. Malia e todo, lembrou que seguen a loitar en toda a fronte para evitar que máis pobos "se convertan noutra Bucha, outro Bajmut ou outra Avdivka".
O xeneral tamén fixo alusión ao éxito ucraíno á hora de despexar as súas augas no mar Negro de barcos rusos malia a clara superioridade marítima das forzas rusas.
Sobre os últimos acontecementos da guerra, previu "unha resposta asimétrica ao ocupante ruso tamén no aire".
"Haberá aínda máis avións rusos ardendo", escribiu o militar en alusión á destrución este venres do segundo avión espía ruso A-50 no que vai de ano.