Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz pide a WhatsApp e Google datos do fiscal xeral para recuperar as súas mensaxes

O xuíz pide a WhatsApp e Google datos do fiscal xeral para recuperar as súas mensaxes

Entra dentro do marco da investigación da querela que presentou Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, contra o xefe do Ministerio Público por presunta revelación de segredos

 

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz/EP O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz/EP
G24.gal 20/01/2025 10:43 Última actualización 20/01/2025 11:18

O maxistrado do Tribunal Supremo, Ángel Hurtado, pediu a WhatsApp e Google que acheguen datos das contas de usuario do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz. A súa intención é tentar recuperar información que foi borrada dos seus móbiles, así como dunha conta de correo electrónico.

O instrutor acordou esta dilixencia tras un pedimento da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil no marco da investigación que dirixe por mor da querela que presentou Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, contra o xefe do Ministerio Público por presunta revelación de segredos.

Os axentes da UCO non atoparon ningunha mensaxe no teléfono de García Ortiz. Segundo a Fiscalía Xeral, foron borrados coa intención de seguir un protocolo de seguridade. Así e todo, a fiscal superior de Madrid, Almudena Lastra, e o fiscal do caso, Julián Salto, afirman que non existe o devantido protocolo de borrado de mensaxes por seguridade.

Na súa petición a WhatsApp solicita as mensaxes recibidas e enviadas polos usuarios, as copias de seguridade dos chats e arquivos multimedia, ademais do rexistro das comunicacións.

Na mesma liña pide a Google os datos almacenados nos servizos vinculados á conta, o rexistro das comunicacións, así como copias de seguridade dos dispositivos relacionados coa conta, de aplicacións de terceiros e de chats e arquivos multimedia.

Por outra banda, ordena realizar unha copia de traballo do envorcado de información correspondente a un teléfono móbil do fiscal xeral e autoriza que se faga unha análise co fin de acceder ás aplicacións e conseguir as comunicacións. No caso de que se logre, pide unha análise do atopado entre o 8 e 14 de marzo de 2024.

Hurtado tamén permite que a UCO se conecte a aqueles repositorios de información onde puidesen atopar arquivos susceptibles de conter datos de interese ao obxecto de proceder á súa descarga, procesado e posterior análise.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade