Orest Lebedenko, moi preto de fichar polo Deportivo
Orest Lebedenko, moi preto de fichar polo Deportivo
Segundo a Radio Galega, Lebedenko non quixo renovar no Lugo e sería o lateral esquerdo que buscan os coruñeses
É probable que hoxe mesmo o Deportivo peche a contratación do ucraíno Orest Lebedenko, concretando un interese que adiantou a Radio Galega.
O vínculo cos do Anxo Carro esténdese ata o próximo mes de xuño, pero os poucos minutos cos que contou esta campaña, desprazado polo brasileiro Ze Ricardo, levaron o lateral a buscar novo destino. Como aval, o gran rendemento do curso pasado ás ordes de Rubén Albés, que tiña a Lebedenko como un dos indiscutibles na súa zaga.
Na tempada 2021-2022 participou en 36 partidos, 28 como titular. Nesta só saíu de inicio en catro. A vocación ofensiva do futbolista nado hai 24 anos en Lviv convérteo en idóneo para aproveitar os espazos que habitualmente deixan libre os extremos na proposta de Óscar Cano. Ademais, nas últimas campañas, que inclúen unha cesión no Olimpik Donetsk, mellorou notablemente o seu rendemento en defensa.